O persoal de TUSSA continúa coas protestas para esixir o desbloqueo da negociación do convenio
Traballadores e traballadoras de TUSSA continuaron este luns co calendario de mobilizacións para esixirlle á empresa que remate a negociación do convenio colectivo que unifique, por fin, as condicións de traballo de todo o persoal da compañía municipal de transportes. A protesta desenvolveuse na entrada da estación intermodal de Santiago e precede ás xornadas de folga que se realizarán este 24 e 25 de xullo, de non producírense avances substanciais para o desbloqueo das negociacións.
Durante a concentración, o persoal rexeitou as declaracións feitas esta fin de semana polo alcalde da cidade e esixíronlle a Sánchez Bugallo respecto polo seu traballo e que se preocupe por buscar unha solución a este conflito "en vez de insultar o persoal a través dos medios de comunicación".
Reunión coa concellaría de Mobilidade
Esta tarde o comité reunirase co concelleiro de Mobilidade para demandarlle que interveña ante o bloqueo das negociacións coa empresa e poder así avanzar na sinatura do primeiro convenio colectivo de TUSSA que permita rematar coas diferentes condicións laborais e salariais que se dan nestes momentos entre os traballadores e traballadoras.
Cómpre lembrar que ao persoal da empresa municipal de transportes se lles están aplicando tres convenios diferentes -o galego de Aparcadoiros, o provincial de Oficinas e Despachos e o antigo convenio da empresa Setex Aparki-, coa disparidade de condicións laborais que iso supón.
Xa hai máis de tres anos que existe un compromiso municipal para asinar o primeiro convenio colectivo de TUSSA, e aínda que a negociación estaba practicamente pechada hai máis dun ano, nos últimos meses constatouse un estancamento das conversas por parte da empresa.
De non producirse un desbloqueo inmediato, o comité xa ten convocada folga para os días 24 e 25 de xullo, xornadas nas que ademais se levarán a cabo diferentes accións de protesta. A folga afectará a todos os servizos de TUSSA nos aparcadoiros de Xoán XXIII, Belvís e Salgueiriños, ao servizo de guindastre, ORA e depósito, así como á estación de autobuses.