O persoal de Transportes RD Lens e Olívica TCA, en folga para reclamar o pago dos salarios pendentes
O cadro de persoal das empresas Transportes RD Lens e Olívica TCA, con sede en Vigo, están en folga dende este pasado luns e até o xoves para reclamar o pago das catro mensualidades que lles adebedan (no caso dalgúns traballadores/as a débeda é de cinco mensualidades). Este xoves día 30, coincidindo co remate da folga, os afectados/as desenvolverán unha concentración diante das sedes das compañías, na rúa Areal.
Segundo explica o delegado de persoal de RD Lens, da CIG, os empregados/as das dúas compañías, que pertencen ao mesmo propietario, decidiron mobilizarse contra os incumprimentos da dirección, xa que continúa sen abonar os salarios pendentes. Deste xeito, ademais das catro xornadas de folga, optaron por convocar unha concentración diante das instalacións das empresas, situadas no número 142 da rúa Areal de Vigo, dende as 9:30 até as 12:00 horas.
RD Lens e Olívica TCA dedícanse ao transporte de mercadorías e contan cun cadro de persoal de máis de 20 traballadores/as entre as dúas. A dirección négase a pagar os soldos adebedados a pesar de que xa foron reclamados pola vía xudicial e mediante unha denuncia na Inspección de Traballo.