O persoal de transporte de mercadorías continúa na Coruña coas protestas por un convenio digno

Reclámanlle á patronal que regrese á mesa de negociación con propostas serias e advirten da convocatoria de folga se non hai avances
A Coruña - 15 Out 2026

Persoal do transporte de mercadorías por estrada concentrouse este xoves no Polígono da Agrela da Coruña para reclamar un convenio provincial digno. A protesta enmárcase no calendario acordado polas centrais sindicais logo da patronal rachar coa mesa de negociación e terá continuidade o vindeiro 22 de outubro cunha nova concentración, ás 11h, en Narón, diante da porta da empresa TAT.

“A situación neste sector é insostíbel: os salarios non dan e as xornadas son das máis elevadas porque se rexen polo Real Decreto de xornadas especiais e polo tanto non se contan todos os tempos como traballo efectivo”, así definía Inácio Pavón, representante da CIG na mesa de negociación, as condicións que está a soportar o persoal do transporte de mercadorías da provincia da Coruña.

Pavón denunciou que até agora a actitude da patronal foi, en materia salarial, “unha falta de respecto”, porque o sector partía de retribucións moi baixas e a oferta que puxo o empresariado enriba da mesa limitouse a un incremento do 3% a partir do 1de  xullo deste ano, sen carácter retroactivo dende xaneiro e sen xerar atrasos. “Isto é o mesmo que ofrecer un1,5% de suba para todo o ano”, criticou.

Para a representación social, esta proposta resulta totalmente insuficiente, tendo en conta que o IPC do mes de setembro xa se situou no 4,9% e que o persoal acumula unha perda de poder adquisitivo nos últimos anos próxima ao 15%. “Os salarios teñen que estar garantidos para que sexa cal sexa o IPC non perdan capacidade adquisitiva. Se isto non se garante, non haberá acordo”, avanzou.

Outra das reivindicacións básicas refírese ao cobro efectivo do complemento de nocturnidade, xa que coa actual redacción non o percibe ninguén, e que se estabeleza un plus polo traballo en domingos e festivos, “porque non se poden remunerar como un día calquera”.

A redución da xornada é outra das batallas nesta negociación e que se recoñezan como tempo de traballo efectivo os tempos de presenza e os descansos obrigatorios de tráfico. “Unha persoa que conduce un camión polo Estado adiante ten que parar 45 minutos obrigatoriamente a descansar por catro horas e media de traballo. Pero ese tempo non se considera nin traballo efectivo nin tempo de presenza, polo que non se remunera. Isto acontece todos os días e suman 21 días de traballo ao ano sen remunerar”, explicou o representante da CIG.

Asembleas para decidir a folga

Estas concentracións, que comezaron o pasado xoves en Compostela, teñen como obxectivo concienciar o persoal do sector e acompañan ao reparto de follas informativas que se está a realizar nos centros de traballo e polígonos loxísticos para informar da situación da negociación colectiva. No caso da patronal non regresar á mesa, xa están previstas asembleas de persoal nas distintas cidades para decidir as próximas accións e acordar a convocatoria de folga.