O persoal de Thune Eureka decidirá en asemblea as medidas a tomar ante a negativa da empresa a recortar as diferenzas co convenio do metal
Os traballadores de Thune Eureka concentráronse este xoves para denunciar a inflexibilidade da empresa e demandar unha mellora das condicións laborais. A protesta desenvolveuse coincidindo coa xuntanza da mesa de negociación do convenio na que non se produciu ningún tipo de avance xa que a empresa teima nunhas propostas que non corrixen a discriminación que sofre o persoal desta compañía con respecto doutros traballadores/as do sector do metal.
Na xuntanza de onte, explica Anxo Lúa, secretario comarcal da CIG-Industria de Pontevedra, non só non se achegaron posturas, senón que a empresa presentou unha proposta "insultante inferior á oferta trasladada na reunión anterior". Diante disto, a parte social levantouse da mesa, declarando a empresa que até a segunda quincena de xaneiro non comunicaría a próxima data da mesa de negociación.
A semana vindeira, o comité (con maioría da CIG) convocará asemblea de traballadores e traballadoras para decidir que medidas tomar ante o bloqueo das negociacións e a negativa da empresa a recortar as enormes diferenzas que separan as condicións deste persoal do persoal regulado polo convenio provincial do metal.
O convenio propio de Thune Eureka está por debaixo do sectorial en materias como a cobertura nas baixas de IT por enfermidade común, na xornada anual ou nas categorías profesionais, pois contempla dúas categorías inferiores á de peón, que é a máis baixa do convenio provincial. Ademais, a patronal tamén se nega, nos incrementos salariais acordados, ao pagamento dos atrasos correspondentes a 2023.