A CIG consegue que o persoal de Seguridade da Xunta consolide as melloras sociais que tiña antes da subrogación
A contrata de Seguridade e Vixianza dos edificios administrativos da Xunta de Galiza que estivo até o 28 de febreiro de 2018, Ilunion Seguridade, tiña recoñecidas melloras sociais sobre convenio. O problema é que a partir desa data entra unha nova contrata, o día 1 de marzo de 2018, Sasegur, que non asume ningunha desas melloras e limítase a aplicar o convenio marco estatal. Porén, grazas ao traballo desenvolvido pola CIG, desde o día 1 de maio, o persoal recuperou e consolidou eses dereitos.
Ao non ver asumidas por Sasegur as melloras sociais pre-existentes, a CIG presenta conflito colectivo en demanda de que se recoñezan esas condicións laborais que rexían coa anterior empresa. Como non se chegar a unha conciliación con avinza –á cal tamén se adheriron o resto das organizacións sindicais con representación na empresa- a CIG-Servizos segue co procedemento xudicial.
Segundo explica José Antonio Antas, delegado da CIG, “ante a pasividade do resto das centrais sindicais decidimos intentar abrir unha última vía de negociación dando traslado dunha proposta que contempla a recuperación de todas as melloras sociais que até a entrada de Sasegur tiñan recoñecidas as traballadoras e traballadores de Seguridade e Vixianza da Xunta de Galiza”.
Proceso de negociación
Antas sinala que “a empresa accede a negociar esta proposta e ambas as partes chegamos a un acordo en AGA co que conseguimos recuperar esas condicións. Acordo que entrou en vigor o 1 de maio pasado”. O delegado da CIG matiza que neste acordo hai unha cesión para que un dos puntos entre en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2021.
Todas estas melloras por enriba de convenio quedan así consolidadas para todos os traballadores e traballadoras subrogadas da anterior contrata. Este acordo foi ratificado tamén polo resto das centrais sindicais e contempla ademais que se seguirá a traballar en dous eixos: “para que os dereitos acadados se espallen a todo o resto de persoal que traballa no servizo de seguridade privada externalizada da Xunta de Galiza” e “para conseguir o recoñecemento doutras melloras que respecto do convenio estatal de aplicación viñan recollidos en convenios de empresas que prestaban os servizos referidos”.
A este respecto, José Antonio Antas explica que do que se trata, co primeiro punto “é de que todas as melloras conseguidas polo persoal que viña da contrata de Ilunion sexan recoñecidas, na próxima contrata, para todas aquelas traballadoras e traballadores de Seguridade que proviñan doutras contratas e que pasaron a unificarse dependendo de Presidencia”.
Melloras sociais
Entre outras cuestións esas melloras contemplan a licenza de 2 días para acompañamento de fillos/as menores de 8 anos para recibir asistencia sanitaria; permiso retribuído da acumulación de lactación de 23 días; 3 días de licenza por enfermidade grave, accidente, ingreso hospitalario ou intervención cirúrxica de familiar até o 2º grao de consanguineidade (este punto será aplicable a partir do 1 de xaneiro de 2021). Xunto a isto, recoñécese o dereito a gozar de axudas por fillos/as e cónxuxes afectados por diversidade funcional, o que supón unha mellora de 60€/mes respecto do convenio marco estatal.