O cadro de persoal de S.C.I. mobilízase para reclamar un convenio colectivo digno
O cadro de persoal de S.C.I., empresa que se encarga de xestionar o cobro de multas, impostos e catastro do Concello de Vigo, iniciou hoxe un calendario de mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno. A dirección ofrece unicamente un incremento salarial do 0,5% cada ano e pretende aumentar a xornada laboral a 38,8 horas semanais.
A mobilización de desta mañá consistiu nunha concentración que se desenvolveu na lonxa do Concello entre as 11:30 e as 12:30 horas, onde depregaron unha faixa na que se podía ler “Por un convenio xusto en S.C.I.” e berraron consignas denunciando unha situación que se prolonga dende hai xa máis de dous anos.
Dende o comité denuncian que esta situación é consecuencia das malas prácticas da empresa á hora de negociar, constituíndo unha mesa que non se axustaba á legalidade e que deu coma resultado a sinatura dun convenio que finalmente foi anulado pola Xustiza.
Dende a finalización do último convenio legal en 2013 as traballadoras/es non teñen ningún texto que os ampare e nesta nova negociación, que comezou no ano 2015, as propostas da empresa pasan por aumentar a xornada laboral, traballar tamén as tardes do verán e subas salariais do 0,50% cada ano.
Novas mobilizacións
Despois destes anos, a perda de poder adquisitivo para o persoal desta empresa é dunha media de 6000 euros, debido á conxelación salarial que supuxo unha importante perda de poder adquisitivo e a que a empresa non abonou nunca a prometida paga de beneficios anual.
As protestas convocadas polo comité de empresa (CIG e UGT) terán continuidade o próximo martes, cunha nova concentración na lonxa do Concello de 11:30 a 12:30 horas. Para este mércores hai prevista unha outra xuntanza da mesa negociadora do convenio en Madrid.