O persoal de Refesa protesta contra a parálise patronal na negociación do convenio
Traballadores de Refesa concentráronse este martes diante das oficinas da empresa para protestar polo bloqueo patronal na negociación do convenio colectivo. A mobilización enmárcase no calendario de accións acordadas polo persoal, entre as que se inclúe a convocatoria dunha folga se a empresa continúa co seu inmobilismo sen asumir ningunha mellora nos salarios e na regulación da xornada de embarque.
Nos últimos días, a representación sindical da CIG en Refesa tamén estivo desenvolvendo encontros coas empresas e entidades que se verán afectadas pola folga (Autoridade Portuaria, Sociedade de Estiba de Ferrol, Endesa, Reganosa, Forestal do Atlántico e Navantia) para explicar o conflito que se vive na remolcadora.
Remolcadores Ferrolanos SA forma parte da UTE que, con Renosa Sertosa Norte e Remarsa, posúe a concesión do servizo portuario básico de remolque marítimo na Ría de Ferrol. Nestes momentos conta cun cadro de persoal a flote de 12 persoas, repartidas en 4 tripulacións que dotan 2 remolcadores.
Convenio caducado dende 2013
O convenio colectivo está en ultravixencia dende o ano 2013 e a aínda que as negociacións para acadar un novo marco regulador comezaron a finais do pasado mes de xullo, nestes intres atópanse nunha situación de bloqueo, "toda vez que a patronal, a cada xuntanza, aparece cunha proposta máis agresiva", censura Francisco X. Cartelle, responsábel da FGAMT-CIG Ferrol.
En canto ás demandas da parte social, unha das principais reivindicacións refírese á regulación da xornada de embarque, pois nestes momentos os traballadores realizan quendas "leoninas" de 24 horas durante 28 días consecutivos, descansando despois outros 28 días. Fronte a isto, demándase que a xornada sexa de 14 días de traballo e 14 de descanso e con un mes de vacacións continuado no verán.
Sobre a reivindicación económica, esta pasar por "recuperar a falta de incrementos salariais dos últimos anos e garantir un incremento nos próximos que non diminúa o poder adquisitivo do persoal".