O cadro de persoal de Pescanova convoca unha manifestación coincidindo co segundo día de folga
O cadro de persoal de Nueva Pescanova decidiu convocar unha manifestación en Vigo coincidindo coa segunda xornada de folga deste martes 21 para reclamar uns convenios colectivos dignos. Ao mesmo tempo, as centrais CIG, CUT, UGT e USO revelaron que barallan denunciar na Fiscalía a “actitude chulesca” da Policía española durante o primeiro día de paro.
O anuncio da mobilización foi feito esta mañá en rolda de prensa por representantes das catro centrais que ostentan a maioría sindical na empresa de alimentación. Na comparecencia explicaron que a manifestación arrincará de Vía Norte ás 10.00 horas e rematará na zona dos bancos no cruce de Colón, xa que as entidades crediticias “tamén son responsábeis da situación de conflitividade laboral que se vive na compañía”.
A marcha coincidirá coa segunda xornada de folga en Nueva Pescanova, despois do “éxito” que tivo a celebrada este pasado martes. A convocatoria foi secundada pola totalidade do cadro de persoal de elaboración e frigoríficos dos centros de traballo de Chapela e do Porriño, paralizando por completo a actividade na empresa.
A pesar de que durante toda a xornada non se rexistraron nin incidentes “nin tan sequera unha soa discusión, xa que todo o persoal quería secundar a folga” a Policía española fixo un importante despregue de seguridade, especialmente no acceso á factoría de Chapela. A presenza de axentes no Porriño -neste caso da Garda Civil- foi moito menor.
As centrais criticaron a “actitude chulesca” e a “escandalosa actuación” dos policías españois e anunciaron que barallan presentar unha denuncia na Fiscalía xa que os axentes incluso invadiron competencias do comité de folga. “Non permitían que se comprobara que as poucas persoas que entraban a traballar pertencían aos servizos mínimos pactados coa dirección”.
Con todo, valoraron moi positivamente o total seguimento da folga “a pesar destas presións e das exercidas pola empresa, que ameazou os traballadores/as con aplicar o convenio de Elaborados no caso de que non acudisen ao seu posto ese día”.
Apoio social ao conflito
Ao mesmo tempo, adiantaron que a partir de agora intentarán darlle “eco social” a un conflito que “non é unicamente polo convenio de Pescanova, senón que ten que ver coa defensa das condicións laborais do conxunto do sector da Alimentación”. Así, promoverán o apoio solidario tanto dos Concellos de Redondela -onde teñen previsto intervir no vindeiro pleno municipal- e do Porriño como dos comerciantes destas localidades, para o que repartirán carteis entre os establecementos.
“Somos conscientes de que vai ser un conflito moi longo porque a empresa segue pechada nas súas propostas inasumíbeis, pero queremos deixar moi claro que non nos van desgastar e que imos resistir”, aseguran. Neste senso, lembran que este sábado volverán a formar piquetes informativos que acudirán ás portas da factoría de Chapela para evitar a entrada de persoal das ETT, do que a empresa está a botar man ante a negativa dos traballadores/as a facer horas extra.
Finalmente, anuncian que o vindeiro sábado 25 desenvolverán unha nova asemblea cos empregados/as de Nueva Pescanova para analizar as dúas xornadas de folga e decidir a convocatoria de novas mobilizacións. No caso de que non se produzan avances na negociación dos convenios, o cadro de persoal reitera que a folga pasará a ser indefinida a partir do martes 4 de abril.