O persoal de Pescanova convoca dúas xornadas de folga polo bloqueo da negociación do convenio
O cadro de persoal de Nueva Pescanova decidiu hoxe nunha multitudinaria asemblea celebrada en Redondela convocar dúas xornadas de folga os vindeiros martes 14 e 21 de marzo ante o bloqueo da renovación dos convenios colectivos tras máis de 10 meses de conversas. Ademais, os traballadores/as acordaron que no caso de que non se produzan avances nas negociacións o paro pasará a ser indefinido a partir do 3 de abril.
Arredor de 400 empregados/as de Nueva Pescanova participaron esta mañá na asemblea convocada pola maioría sindical da empresa de alimentación (CIG, CUT, UGT e USO) para analizar o último borrador de convenio achegado pola dirección e debatir a posibilidade de convocar mobilizacións. O conxunto dos traballadores/as rexeitou a proposta e apostou por promover unha convocatoria de folga para os vindeiros martes 14 e 21 de marzo.
Ademais, no caso de que non haxa avances nas vindeiras semanas, o paro pasaría a ser indefinida a partir do luns 3 de abril. Estas decisións adoptáronse co voto a favor da práctica totalidade dos presentes, xa que unicamente se rexistraron dúas abstencións. Outra das medidas que saíron adiante foi a formación de piquetes para evitar a entrada de traballadores/as de ETT na empresa os sábados, xa que a dirección está a botar man deles/as en maior medida dende que o persoal de empresa decidiu deixar de facer horas extras como medida de presión.
Ao remate da asemblea -a cuxo inicio se gardou un minuto de silencio en memoria dunh traballadora da empresa asasinada recentemente polo seu compañeiro sentimental- as catro centrais sindicais ofreceron unha rolda de prensa para informar sobre o contido da asemblea e anunciar as decisións adoptadas. Suso García, da FGAMT-CIG, asegurou que os traballadores/as decidiron convocar a folga “para deixarlle claro á empresa que non van consentir que se precaricen as súas condicións laborais”.