O persoal de Pescanova Arteixo continúa coas mobilizacións por un convenio xusto ante a falta de acordo coa empresa
Traballadoras e traballadores de Pescanova Arteixo retomaron este xoves o calendario de mobilizacións para exixir un convenio colectivo digno, despois de que rematara sen acordo a reunión mantida o pasado martes coa dirección da empresa. Despois das concentracións realizadas diante do complexo industrial, nesta ocasións a protesta trasladouse á oficina principal de Abanca na Coruña, xa que esta entidade é propietaria do 98% do grupo Nueva Pescanova.
A representación do persoal explica que tras máis de cinco horas de reunión, non foi posíbel chegar a entendemento debido a insuficiente proposta económica da empresa, que se limita a ofertar un incremento salarial adicional de 110 euros ao ano por persoa, o que na práctica e repartido en 12 mensualidades suporía unha suba de 9 euros ao mes. Unha contía totalmente insuficiente para recortar as diferenzas que existen entre os soldos do persoal da fábrica de Arteixo e os que percibe o persoal dos outros centros do grupo.
Esta proposta, aclaran, supón un incremento salarial adicional ao xa pactado no resto dos centros do grupo Pescanova para cada un dos anos de vixencia do convenio, "pero este incremento porcentual trasladado á realidade salarial do centro de Arteixo, resulta inferior a do resto dos centros e de aí a reivindicación do comité de establecer unha suba salarial adicional".
Nun exercicio de responsabilidade e facendo un considerábel esforzo, a parte social presentou unha última proposta co obxectivo de pechar un acordo para o novo convenio colectivo e pór así fin ao conflito actual, consistente en mellorar esa oferta económica da empresa até os 190€/ano por traballador/a. Proposta que a dirección tampouco aceptou.
Ante esta falta de acordo, as traballadoras e os traballadores continuarán co calendario de mobilizacións previsto, mais desta volta trasladando ás protestas até as oficinas de Abanca, por ser esta entidade a propietaria do 98% do accionariado do grupo Nova Pescanova. "O banco ten, polo tanto, responsabilidade directa para mediar na busca dunha solución definitiva ao conflito e acadar un convenio colectivo digno que satisfaga ás partes implicadas e traia a paz social ao grupo".
A este respecto, o comité subliña que está aberto a seguir negociando coa empresa e a manter todas as xuntanzas que sexan precisas, mais deixa claro que a súa liña vermella está na última proposta de incremento salarial de 190€/ano por persoa. "A parte social xa fixo todas cantas rebaixas podía facer, polo que agora lle toca a empresa moverse nas súas posturas e asumir as xustas e lexítimas demandas do persoal, que foi quen sostivo a empresa nos momentos máis difíciles e quen non deixou de traballar nin un día durante a pandemia".