O persoal de Pescanova Arteixo concéntrase ás portas da fábrica en demanda dun convenio digno
Baixo a consiga "por un convenio xusto", as traballadoras e os traballadores do centro industrial de Pescanova en Arteixo iniciaron este luns mobilizacións en resposta ao bloqueo da negociación do novo convenio colectivo por parte da dirección, xa que se nega a asumir ningunha das melloras en materia económica, laboral e social propostas polo comité. O persoal concentrouse diante da fábrica de Arteixo entre ás 13 e ás 15 horas, coincidindo co cambio de quenda, e volverá repetir protesta o vindeiro venres.
No relativo á parte económica, a representación social demanda un incremento salarial igual ao xa pactado para as instalacións de Nueva Pescanova en Chapela e O Porriño, e unha suba lineal de 200€/ano para cada traballador e traballadora, co obxectivo de reducir as diferenzas retributivas que existen co persoal das outras plantas.
Neste senso, explican que non se trata de equiparar o total da masa salarial, senón evitar que se amplíen cada vez máis as desigualdades entre o cobran as traballadoras/es de Arteixo e o que cobra o persoal dos outros centros de Pescanova. "É unha demanda xusta e está totalmente xustificada, porque se unicamente se aplican as subas porcentuais nunca se poderán recortar estas diferenzas", explica Dores Martínez, secretaria nacional da FGAMT-CIG.
A esta negativa, súmase que a empresa non está disposta sequera a aceptar demandas que non lle carrexan custes adicionais, como por exemplo eliminar a obrigatoriedade de xustificar o permiso non retribuído de 10 días por ano, que xa está recollido no convenio. Como tamén rexeita ampliar que se amplíe un día o permiso retribuído para as intervencións non programadas con hospitalización á familiares de primeiro grao, incluíndo aos irmáns e irmás.
Xunto a isto, a dirección de Pescanova Arteixo rexeita regular a desconexión dixital e que todo o tempo dedicado ás reunións necesarias para o funcionamento da empresa que se fagan fóra da xornada sexa considerado tempo efectivo de traballo e, polo tanto, descontado da xornada ordinaria.
Esta reivindicación non é cuestión menor, xa que no centro de Arteixo son habituais as reunións telemáticas cos centros de América que, debido ás diferenzas horarias, na maioría das ocasións teñen lugar fóra da xornada ordinaria. "Pero a empresa non quere recoñecer este tempo como traballo efectivo, condenando o persoal a realizar horas de máis no seu tempo de descanso, que tampouco son retribuídas".
Diante desta intransixencia da dirección, a asemblea acordou iniciar estas primeiras dúas concentracións e non descarta intensificar as mobilizacións se a empresa teima en non recoñecer ningunha das xustas reivindicacións trasladadas para o novo convenio.