O persoal de Pescanova denunciará a empresa e “cortará” as horas extra como medida de presión
Boa parte do cadro de persoal de Nueva Pescanova decidiu hoxe nunha multitudinaria asemblea celebrada en Redondela denunciar na Inspección de Traballo a “mala fe negociadora da empresa” -que pretende aplicar un convenio que precariza as condicións laborais- e, como primeira medida de presión, “cortar” tanto as horas extras dos sábados como as que se poidan chegar a impoñer.
A multitudinaria asemblea convocada polas centrais CIG, CUT, UGT e USO esta mañá no Multiusos da Xunqueira, en Redondela, na que participaron unhas 400 persoas, deixou moi claro a total oposición dos traballadores/as de Nueva Pescanova á proposta de convenio colectivo achegado pola empresa, que suporía unha “rebaixa brutal” das actuais condicións laborais.
Durante a xuntanza, que estivo coordinada por representantes dos distintos comités e no que participaron empregados/as de todos os centros de traballo do grupo, tamén se evidenciou o seu malestar ante a actitude dunha dirección que rexeitou as chegas dos representantes dos traballadores/as co obxectivo de impoñer unha rebaixa salarial e un aumento da xornada.
En principio descartaron convocar mobilizacións á espera da resposta de Nueva Pescanova, aínda que adiantaron a posibilidade de realizar concentracións en Mercadona -un dos seus principais clientes- ou nas ETT que “posibilitan a competencia desleal durante as folgas”.De igual xeito, a votación das propostas amosou a vontade do cadro de persoal por enfrontar de xeito unitario o “ataque” da empresa. A primeira medida que adoptaron por unanimidade foi denunciar ante a Inspección de Traballo a “mala fe negociadora” por parte da empresa. Ademais, chegaron ao acordo de non facer as horas extraordinarias dos sábados e todas aquelas “que se poidan impoñer”.
“Sen o actual convenio non haberá paz social”
Pola súa banda, as centrais promotoras do encontro cualificaron de “éxito” a convocatoria e salientaron a “unidade” que amosan os traballadores/as e a súa vontade de incrementar as medidas de presión no caso de que a empresa non atenda as súas demandas. Neste senso, a secretaria nacional da FGAMT-CIG -que participou na asemblea e que interveu na rolda de prensa posterior- indicou que “teñen que ter moi claro que deben de respectar o actual convenio, senón non haberá paz social”.
Dores Martínez tamén rexeitou “que sexa certo que ofrecen un só euro de subida salarial” e asegurou que os sindicatos non van asumir nunca a proposta de incremento da xornada nin que o novo convenio “sirva para abaratar os soldos das futuras contratacións” -en referencia á nova categoría de entrada que quere implantar a empresa, que ademais obrigaría a manter esa rebaixa no salario durante tres anos-.
Por todo isto, asegurou que as propostas de Nueva Pescanova “rozan o terrorismo patronal” e que a asemblea de hoxe “marca un antes e un despois: se a dirección non entende a mensaxe haberá que tomar as medidas de presión que sexan necesarias”.
Xuntanzas coa empresa e nova asemblea
Na comparecencia diante dos medios as catro centrais anunciaron que dentro dun mes convocarán unha nova asemblea para dar conta das xuntanzas que a representación dos empregados/as dos distintos centros de traballo manterán coa dirección de Nueva Pescanova os días 31 de xaneiro e 1 e 2 de febreiro para continuar coas negoacións do convenio. Nese encontro tamén se abordaría a adopción de novas medidas de presión e a convocatoria de mobilizacións no caso de que a empresa non dea marcha atrás nas súas pretensións.
Finalmente, valoraron moi positivamente a unidade amosada tamén polos distintos comités de empresa e fixeron un chamamento ao único sindicato que se mantén á marxe, CCOO, a sumarse ás iniciativas que promoven a maioría dos empregados/as do grupo. “Esta central non participou na asemblea, perso estamos seguros/as de que van adherirse ás propostas porque xa é hora de decidir a que bando se unen, ou ao da empresa ou ao dos traballadores/as”.