O persoal de Noa Madera Creativa protesta contra os abusos da empresa e na defensa dos empregos
Traballadores e traballadoras de Noa Madera Creativa realizaron unha acción de protesta esta mañá diante da fábrica de Fene en rexeitamento aos despedimentos e ao ERTE que a empresa pretende aplicar. A protesta desenvolveuse coincidindo coa recollida do permiso retribuído "até novo aviso" que a dirección comunicou o pasado venres e que suporá que trinta compañeiros e compañeiras da sección de Metal estean na súa casa cobrando o salario pero sen producir. Algo que entra en contradición coas causas económicas coas que o Grupo Malasa (propietario de Noa) usa para xustificar o despedimento de 78 empregados/as e un ERTE de 15 meses para o resto do persoal.
"Non podemos entender a actitude da dirección de Malasa que, por unha banda, tenta convencernos de que a situación económica de Noa é case insostíbel e, por outra, manda a toda unha sección de permiso para as súas casas, aboándolles os salarios correspondentes e sen producir", denuncian dende o comité. A comunicación do permiso retribuído fíxose nun receso da reunión do período de consultas do ERE e do ERTE do pasado venres.
O comité rexeita tamén a actitude "do máximo responsábel da empresa, Antonio Patiño, quen mentres se desenvolvía esta xuntanza se paseaba polas instalacións con actitude ameazante, afirmando categoricamente que a sección do metal ía desaparecer e mesmo contradicindo moitas das afirmacións que as asesoras da empresa nos dicían na mesa de negociación".
Para a representación do persoal este tipo de actuacións resultan "máis propias da Idade Media e dun señor feudal" que dunha empresa "que hai ben pouco tempo saíu na prensa tentando vender unha imaxe de modernidade e asegurando que non ía haber máis reestruturacións de persoal en Noa".
Feijoo agradeceu o 'compromiso' do Grupo Malasa
Ante estes feitos, o comité insta o presidente da Xunta de Galiza, Núñez Feixoo, a que lles dea explicacións en relación ao seu comentario na Deputación Permanente do Parlamento "onde puxo como exemplo de empresa ao Grupo Malasa, agradecéndolle o seu 'compromiso'".
"Gustaríanos que nos aclarase a que clase de 'compromiso' se refire, tendo en conta que este grupo se caracteriza pola precariedade na que ten ao seu persoal e que desde que se fixo coa propiedade de Noa non fixo outra cousa que despedir e facer o posíbel para recortar os dereitos dos traballadores e traballadoras. E que actualmente, algo que xa non ten cualificativos dabondo, aproveita a pandemia da Covid19 para executar despedimentos que antes lle resultaría moito máis caro e difícil de xustificar", denuncian.
Desde o comité consideran que as únicas palabras que se merece o Grupo Malasa "son de desprezo" tanto polas condicións laborais que impón ao seu persoal como por aproveitarse da actual emerxencia sanitaria para desfacerse de traballadores e traballadoras que "levamos moitísimos anos en Noa e que, obviamente, lle resultamos moi incómodos simplemente porque defendemos o noso dereito a un traballo digno".