O persoal de Navantia bótase as rúas en demanda dun convenio digno e un plan industrial que garanta o futuro dos estaleiros
Os traballadores e as traballadoras de Navantia continuaron este martes co calendario de mobilizacións en resposta á falta de avances na negociación do convenio colectivo e do plan industrial. O persoal de Ferrol e o de Fene saíu en manifestación dende o seu respectivo estaleiro para xuntarse a altura da Gándara e proseguir a protesta conxuntamente até o edificio administrativo da Xunta.
Marcelino Amado, secretario do comité e delegado da CIG, subliña que a negociación do convenio colectivo iniciouse hai xa dous anos pero neste tempo nada se avanzou a causa da postura inmobilista de Navantia. Sobre o plan industrial, explica que o único que se produciu foi unha reunión para expor o proxecto "pero nin sequera temos un calendario de negociación". As eleccións sindicais e sobre todo, a convocatoria de eleccións xerais, aínda demoraron máis as negociacións.
As mobilizacións continuarán
Á mobilización de hoxe nas rúas de Ferrol seguiralle mañá un peche de 24 horas dentro da fábrica, previo á reunión telemática coa dirección prevista para o xoves. Á espera do que suceda nesta xuntanza, o día 14 está convocada unha asemblea xeral para preparar xa o seguinte calendario "porque moito nos tememos que imos ter que seguir mobilizándonos".
"A Ría de Ferrol, dentro do propio comité intercentros, entende que hai que mobilizarse para lograr un convenio xusto e que mellore o anterior, que ten moitas eivas sobre todo nas condicións das novas incorporacións e de varios colectivos laborais como o persoal técnico superior", sinala Amado.
Para este convenio, xunto a mellora salariais, tamén se demanda unha redución da xornada de traballo "que o Goberno autodenominado o máis progresista tanto anuncia, pero que alí onde é accionista non aplica".
Para a representación social, engade Amado, reducir a xornada laboral é unha cuestión fundamental tanto para mellorar as condicións dos e das traballadoras e a conciliación da vida laboral e familiar, como para facilitar que haxa novas incorporacións aos estaleiros.
No relativo ao colectivo de persoal técnico superior "cómpre que se estruturen no convenio todos os dereitos que antes tiñan de forma contractual: promoción, clasificación, niveis salariais etc., que até o de agora non estaban no convenio".
Reclámase tamén que no convenio se asine un plan de saídas perdurábel a partir dunha determinada idade, como medida de rexuvenecemento do cadro de persoal.
Investimentos nas instalacións
En canto ao plan industrial, o secretario do comité lembra que dende hai máis dunha década se están a reclamar investimentos para anovar as instalacións de Ferrol "que funcionan con moita precariedade en todos os seus ámbitos, como a botadura en grada, que queda moi vistosa pero supón unha ralentización en tempo e horas".
Amado subliña que tamén é preciso investir en Carenas coa construción dun novo dique "para poder competir e estar a altura dos novos estándares de medidas dos barcos". A este respecto, advertiu que se están deixando de coller novos pedidos porque non hai infraestrutura adecuada en Carenas, malia ser un dos departamentos que máis negocio xera e que está en números positivos.
Máis carga de traballo
A demanda de máis carga de traballo segue estando no centro das reivindicacións do persoal de Navantia, porque a construción das fragatas F-110 supoñen moitas horas "mais non son suficientes para paliar a subactividade que hai en Ferrol. Por iso insistimos en facer un BAM ou o BAC que prometeu o Goberno pero do que aínda non temos confirmación definitiva, así como outros pedidos que poidan existir".
Sobre as 1.500 incorporacións anunciadas polo propio presidente Pedro Sánchez hai máis dun ano, o representante da CIG salientou que "a diferenza da Baía de Cádiz e Cartaxena, en Ferrol aínda non se comezaron a materializar. Nin sequera está perfilado canta xente fai falta, nin como se farán". Defende que esas incorporacións teñen que ser proporcionais ás cifras que quedaron do plan anterior para que quede compensado en todos os estaleiros e que non se perdan nin amorticen postos de traballo, "que é o que busca a empresa".
De todas estas cuestións, recalca, "non hai avance ningún" e por iso xa avanza que as mobilizacións proseguirán nas vindeiras semanas. Neste punto, incide en que o de Ferrol é o estaleiro do grupo que máis se está a mobilizar "porque todos os sindicatos do comité entendemos que este é o camiño".