O persoal de Navantia acorda en asemblea manter as mobilizacións até acadar un convenio digno

Ferrol - 29 Nov 2024

Despois das exitosas xornadas de folga que esta semana paralizaron a actividade nos estaleiros de Ferrol e Fene, o persoal acordou en asemblea continuar coas medidas de presión até lograr un convenio colectivo digno. Ademais de informar do contido do principio de acordo acadado entre o comité intercentros e a dirección da empresa no día onte, durante a asemblea, que contou cunha participación masiva e que se prolongou durante varias horas, debatéronse as mobilizacións a desenvolver coa vista posta nas seguintes reunións da mesa de negociación.

A proposta da CIG e Mas (á que se sumaron CCOO e UGT), a asemblea de traballadores e traballadoras aprobou de xeito maioritario organizar quendas de piquetes nas portas para que non se traballe nos estaleiros durante esta fin de semana e non accedan ás instalacións máis que os efectivos imprescindíbeis para garantir a seguridade destas.

De cara á próxima semana, as medidas de presión sobre o movemento dos bloques flexibilizaranse ou intensificaranse en función da evolución das negociacións en Madrid. En todo caso, explica o secretario do comité e delegado da CIG, Marcelino Amado, as accións de protesta manteranse até que se acade un acordo para o convenio colectivo.

Amado apunta que na asemblea se expuxeron aqueles temas recollidos no principio de acordo alcanzado coa dirección, como as promocións, as clasificacións profesionais do persoal técnico superior e man de obra, o plus de distancia, as xornadas de carenas, ou o contrato relevo e a xubilación anticipada que "están sen mellorar e que aínda temos que perfilar"; así como fican pendente de regular as condicións das novas entradas.

Para as negociacións da próxima semana quedaron cuestións de especial importancia para o persoal como a redución da xornada, a recuperación do poder adquisitivo, ou as variábeis dos técnicos superiores, etc. "que trataremos de limar para ver se xa pasamos dun principio de acordo a un preacordo".

A parte social busca tamén incluír neste convenio un artigo sobre a relación de Navantia coa industria auxiliar, "co obxectivo de garantir o control horario para que o persoal teña os descansos diarios e semanais preceptivos e que nas licitacións dos contratos se recolla que o convenio de referencia para toda a industria auxiliar ten que ser o provincial de siderometal". Esta é unha vella reivindicación da CIG-Industria e do persoal das contratas e continúa fonte de conflito polos abusos que cometen as auxiliares.

Para o representante da CIG as xornadas de folga xurdiron efecto e propiciaron un cambio de postura da empresa "como evidencia que conseguiramos traer este texto á asemblea", logo de máis de dous anos de negociacións sen avances. Por iso, á espera do resultado das próximas xuntanzas da mesa, as medidas mobilizadoras mantéñense até conseguir un convenio digno.