O persoal de Lidl Narón, que leva 80 días en folga, leva as súas reivindicacións até A Coruña
Despois de 80 días en folga indefinida, os traballadores e as traballadoras do almacén de Lidl en Narón continúan incansábeis coa súa loita. Este xoves levaron as súas mobilizacións até as portas do supermercado que a multinacional alemá ten no Polígono da Agrela da Coruña, onde seguiron a reivindicarlle á empresa que cumpra co recolido no seu propio convenio colectivo.
Ás portas do supermercado, o persoal denunciou unha vez máis a actitude intransixente da empresa e a estratexia de boicot á folga que está a seguir Lidl dende a primeira xornada de paro o 14 de febreiro, vao camiño xa dos tres meses. Cómpre lembrar que a finais de marzo tivo lugar nos xulgados de Ferrol o xuízo contra a empresa polas prácticas vulneradoras do dereito fundamental á folga, do que aínda se está á espera da sentenza.
Entre outras actuacións, a dirección tentou nun primeiro momento suplir ao persoal en folga traendo empregados/as alleos ao almacén e despois das denuncias na Inspección, desviando a carga de traballo de Narón a outras plataformas loxísticas que a multinacional ten no Estado español para abastecer de mercadorías as tendas de Galiza, Asturies e Norte de León.
Neste durísimo contexto é no que o persoal está a desenvolver a súa loita, co custe e o esforzo económico e psicolóxico que carrexa soster durante máis de dous meses unha folga. Porque ademais das prácticas de esquirolaxe, Lidl leva todo este tempo negándose a sentar co comité de folga para negociar solucións e medidas que poñan fin ao conflito e que se garanta o cumprimento do convenio colectivo, nomeadamente no que ten a ver co exceso de horas extraordinarias que ten que realizar o persoal que xa está a xornada completa.
Bonos solidarios
Dentro das accións de apoio á loita deste persoal, a CIG puxo en marcha a venda dos bonos de solidariedade que se poden recollen na federación de Servizos de todas as comarcas.