O persoal de Leche Celta, preocupado pola posibilidade de que a empresa pretenda desmantelar a factoría
O 100% das traballadoras e traballadoras da planta de Leche Celta en Meira secundan a terceira xornada de folga consecutiva de 24 horas convocada para esixir melloras salariais e laborais. Ao longo destes días a actividade produtiva e a retirada de produto envasado fica paralizada totalmente. Aínda así, a empresa continúa sen dar contestación á última proposta presentada polo comité (con maioría da CIG) nin amosa vontade por chegar a un entendemento.
Este venres, o persoal realizou unha concentración diante do Concello de Meira, onde o comité mantivo unha entrevista coa alcalde para explicarlle as condicións nas que traballa o persoal de Leche Celta e os motivos do conflito que se está desenvolvendo nesta planta. Así mesmo, informaron das manobras realizadas pola empresa para minorar o impacto da folga, que non parece disposta a asumir incrementos salariais dignos para o seu persoal, pero si o gasto económico que supón desviar a recollida de leite a outras plantas do grupo e mesmo a outras industrias lácteas da provincia.
Ademais, explica o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López, o seguimento total da folga impide que a empresa teña capacidade para subministrar produto envasado ao seu cliente único, Mercadona, sen que até o momento a dirección pareza preocupada por este incumprimento. A representación social entende que Leche Celta podería estar traballando nunha manobra especulativa ou de desestruturación da empresa e trasladou a súa preocupación ao alcalde de Meira pola posibilidade de que a compañía láctea estea valorando como única solución ao conflito o peche das instalacións.
Esta situación, non obstante, contrataría coas peticións de incremento de subministración formuladas pola empresa ao Concello nos últimos tempos. O rexedor municipal sumouse ás preocupacións dos/as traballadores/as e comprometeuse a recoller toda a información sobre as pretensións da empresa e os plans que ten para a planta de Meira.
Ao remate da xuntanza, as traballadoras e traballadores regresaron ás portas da factoría onde mantiveron unha concentración ata pasadas as dúas da tarde.
Posibilidade de ir á unha folga indefinida
Sobre as negociacións coa empresa, López Carmona explica que dende a formulación da última proposta por parte do comité non houbo máis conversas coa dirección, que nin sequera se pronunciou a respecto desta proposta. Pola contra, parece que a única vontade de Leche Celta é manter as discriminacións económicas e laborais do persoal de Meira con respecto aos compañeiros/as de Pontedeume, algo que os traballadores e traballadoras non están dispostas a asumir. Menos aínda cando no último ano, os custes do persoal de alta dirección se elevaron nun 9%.
De feito, aínda que o calendario de folgas para as dúas vindeiras semanas estaba previsto que se fixera efectivo mediante paros laborais rotativos de catro horas por quenda de traballo, afectando tamén ás fins de semana; ante a falta de avances nas negociacións, a asemblea de traballadores/as está valorando convocar folga indefinida a partir do próximo xoves, se non hai unha resposta por parte da empresa ao longo da tarde deste venres. Isto suporía a parálise total da factoría.