O persoal de Leche Celta maniféstase polas rúas de Meira en demanda dun convenio digno
O persoal de Leche Celta continúa esta luns co calendario de folgas e mobilizacións acordado para esixir melloras salariais e sociais e non descarta intensificar as accións de protesta, logo da ridícula oferta presentada pola empresa e que cualifican como "auténtica tomadura de pelo". Hoxe, coincidindo co paro de catro horas (que se desenvolve de 12 a 16 horas), as traballadoras e os traballadores saíron en manifestacións polas rúas de Meira.
A marcha saíu pasado o mediodía das portas da fábrica de Leche Celta e, ao berro de "convenio digno e non de lixo", percorreu o centro do Concello de Meira para regresar ao punto de partida, onde se mantén unha concentración até ás 16 horas.
A convocatoria deste luns, súmase as tres xornadas de folga previas, e continuará mañá martes, e o mércores, 28 de marzo, con paros que se farán efectivos durante dúas horas, coincidindo co cambio de cada unha das quendas de mañá, tarde e noite.
Ademais, explica o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, o persoal está avaliando intensificar as medidas de presión nas vindeiras semanas, toda vez que na xuntanza mantida coa empresa o pasado mércores, a dirección "trasladou unha oferta global inferior á exposta na reunión do 7 de marzo, que xa era cativa e que perpetuaba as diferenzas coa planta de Pontedeume".
Neste senso, apunta que a empresa fixo unha proposta na categoría salarial máis baixa que iguala a de Pontedeume, pero no resto das categorías rebaixou a oferta presentada. Para López Carmona esta proposta supón unha "tomadura de pelo" aos traballadores e traballadoras de Meira, reflicte a escasa vontade negociadora da empresa e "confirma a necesidade de incrementar a presión neste conflito".
Alta rotación do persoal
O responsábel comarcal da FGAMT-CIG lembra que na planta de Meira existe unha alta rotación do persoal "debido á falta de expectativas que existen a nivel laboral, polas condicións salariais principalmente". Denuncia que, no último ano, mentres as traballadoras e traballadores seguen coas condicións conxeladas, "os custes do persoal de alta dirección en Meira medraron nun 9%".