Arranca a folga parcial indefinida na planta de Leche Celta de Pontedeume cun seguimento total
A totalidade dos traballadores e das traballadoras de Leche Celta están secundando a folga parcial en contra dos recortes que pretende impor a empresa e na demanda dun convenio digno. A folga, que dende este luns ten carácter indefinido, dá continuidade aos paros que o persoal vén realizando dende o 10 de xaneiro tras da ruptura das negociacións do II convenio colectivo desta planta de transformación de produtos lácteos, pertencente ao grupo portugués Lactogal.
A folga iniciada este luns consisten en paros de tres horas por cada quenda de traballo (mañá, tarde e noite), de xeito que a participación na folga sexa equitativa para todo o persoal. Para dar máis visibilidade ao conflito, este mércores 2 de febreiro, farán unha marcha a pé, ás 11:30 horas, dende as instalacións en Leche Celta en Andrade até a Casa do Concello de Pontedeume, onde realizarán unha concentración.
Actitude antisindical da empresa
A representación social rexeita a actitude antisindical e ilegal da empresa durante todo o conflito, vulnerando de xeito continuado o dereito á folga, primeiro desviando e realizando o traballo que se debería facer en Pontedeume noutras fábricas do grupo, "o que na práctica supón substituír o persoal folguista, denuncia Fran Cartelle, da CIG. E posteriormente, querendo intimidar os traballadores e traballadores sementando dúbidas infundadas sobre a legalidade da folga indefinida. Estas actuacións levaron o comité a denunciar nos xulgados este comportamento empresarial inaceptábel.
Neste senso, o comité chama a dirección a que abandone a súa "insistente e irrealizábel" pretensión de establecer un sistema retributivo inaceptábel, pois suporía por unha banda penalizar salarialmente as persoas que enfermen ou que gocen de licencias retribuídas e, por outra, condiciona o incremento económico a uns parámetros de produtividade no que as traballadoras e os traballadores afectados non poden incidir.
Fronte a isto, a representación do persoal reclama da empresa que se aveña a negociar "nos termos reclamados, que non son outros que os propios do convenio colectivo"
O persoal de Leche Celta, salienta Cartelle, ten amosado o seu apoio total á folga e a súa inquebrantábel decisión de acadar un convenio digno que manteña o poder adquisitivo dos salarios, deteriorados pola inflación, e que avance nas melloras conseguidas durante estes anos a nivel social, de xeito "que sexa posíbel compaxinar o traballo coa vida persoal". Así, avanzan, o persoal continuará en folga "até que a empresa retorne á sensatez".