O persoal de Leche Celta arrinca mobilizacións en defensa do seu convenio colectivo

Reivindican o dereito a negociar en Pontedeume as súas condicións de traballo fronte á pretensión da empresa de ir a un convenio de grupo
Pontedeume - 05 Dec 2025

Traballadoras e traballadores de Leche Celta mobilizáronse este venres na factoría de Pontedeume en defensa do seu convenio colectivo e polo dereito a negociar directamente as súas condicións laborais e salariais fronte ás pretensións da compañía de ir a un convenio de grupo.

Francisco Cartelle, da Executiva Confederal da CIG, explicou que a mesa de negociación para a renovación do marco regulado xa tiña que estar constituída, “pero a empresa de mala fe adiou a súa constitución coa pretensión de negociar agora un convenio para todo o grupo de empresas”.

Para a CIG (que ostenta a maioría da representación no centro de Pontedeume) esta é unha manobra ilegal e xa presentou conflito colectivo “porque hai unha unidade negocial aquí viva e esta realidade non pode ser alterada coa negociación dun grupo de empresas”.

O obxectivo desta decisión patronal, advertiu Cartelle, non é outro que afastar a negociación do persoal, que deste xeito deixaría de ter capacidade directa de incidir sobre o que se está a falar en cada momento da negociación e decidir sobre as súas condicións laborais e económicas.

O representante da CIG subliñou que o convenio de centro de traballo de Pontedeume se impulsou precisamente en resposta á negociación do convenio estatal de industrias lácteas, que se aborda dende as cúpulas dos sindicatos estatais “sen ningún tipo de participación das persoas traballadoras”.

Diante deste ataque, o cadro de persoal aprobou por amplísima maioría iniciar mobilizacións para reivindicar o mantemento do seu convenio colectivo e sosterá as protestas “até que a empresa entenda o queren os traballadores e traballadoras”.

A convocatoria deste venres desenvolveuse coa vista posta na seguinte xuntanza de negociación do convenio de grupo de empresas en León o día 9 de decembro, e a pretensión é realizar unha mobilización cada vez que haxa unha reunión.