O persoal de Leche Celta acorda convocar paros indefinidos a partir do 31 de xaneiro
Os traballadores e as traballadoras de Leche Celta acordaron intensificar as medidas de presión en demanda dun convenio colectivo digno e a partir do 31 de xaneiro iniciarán folga parcial indefinida. Estes paros, que se farán de luns a domingo e afectarán ás máis de 170 empregadas/os, terán unha duración de nove horas ao día e realizaranse en cada unha das quendas laborais: das 03 ás 06h, das 11 ás 14h e das 19 ás 22h.
Así o decidiron os traballadores e as traballadoras na asemblea celebrada onte, mércores día 19, coincidindo coa quinta xornada de folga parcial na fábrica de Pontedeume, que volveu rexistrar un seguimento absoluto.
Deste xeito, ademais dos catro días de folga que xa estaban convocados para a próxima semana (do luns 24 ao xoves 27 de xaneiro), o persoal irá a folga indefinida a partir do 31 de xaneiro en resposta á postura inmobilista da dirección que, malia o éxito das mobilizacións, "nin está a dar a cara, nin mudou a súa proposta e nin sequera convocou o comité para retomar as negociacións".
Xunto a isto, para a próxima semana tamén se van organizar unha serie de actos reivindicativo-culturais que, baixo o lema "Cultura solidaria por un convenio digno en Leite Celta", incluirán actuacións musicais e teatrais sorpresa, a desenvolver na explanada de acceso ás instalacións durante as horas dos paros laborais (das 12 ás 16 horas).
A dirección, desaparecida
Logo de dúas semanas de mobilizacións, o comité denuncia a desaparición da dirección da fábrica que está ausente do centro nas horas da folga e non mantivo ningún contacto coa representación social; así como, os intentos de minimizar o impacto dos paros desviando leite á planta de Cantabria para o seu envasado.
Diante destas prácticas, a presidenta do comité, María Xosé Vizoso, destaca a determinación do conxunto dos traballadores e das traballadoras a enfrontar os recortes que pretende introducir a empresa e pelexar para conseguir un convenio colectivo digno, con auténticas melloras salariais e sociais.
Advirte que Leche Celta quere impor un sistema retributivo arbitrario, no que os incrementos salariais están ligados a conceptos como produtividade ou absentismo. Este sistema, explica Vizoso, "suporía penalizar salarialmente as persoas que enfermen ou que gocen de licencias retribuídas e, ao tempo, condicionar o incremento económico a uns parámetros nos que as traballadores e as traballadoras non poden incidir, como son os defectos na produción, xa que isto é responsabilidade dos mandos, non do persoal".
Pola contra, a parte social reclama un incremento salarial porcentual para todas as categorías, equivalente cando menos ao IPC real e mantendo o diferencial retributivo co convenio estatal que se foi conquistando ao longo destes anos, de maneira que se garanta o poder adquisitivo dos soldos. Xunto a isto, unha serie de melloras de carácter social nas licencias, permisos etc.