O persoal de Insuíña irá á folga os días 15, 16 e 17 de decembro pola negociación dun convenio propio
Os traballadores e as traballadoras das piscifactorías que Insuíña ten en Xove e en Oia e das oficinas centrais de Chapela (Redondela), acordaron ir á folga os días 15, 16 e 17 de decembro para demandarlle á empresa que sente negociar un convenio colectivo que permita avanzar na equiparación das súas condicións coas que xa ten o resto do persoal do grupo Nueva Pescanova. Ademais, se a empresa segue sen atender esta xusta reivindicación, a folga pasará a ter carácter indefinido a partir do 19 de decembro.
A representación social dos centros de Xove e Mougás (Oia) leva dende abril do pasado ano intentando que a empresa se abra a negociar un convenio propio que mellore as condicións laborais, salariais e sociais, en cumprimento do recollido no acordo para regular as condicións de traballo que finalizou en 2020.
Naquel momento, a empresa propuxo atrasar a constitución da mesa até que se publicara o convenio colectivo do grupo Nueva Pescanova que se estaba a negociar naquela altura. Finalmente, e despois de novas demoras, en xuño deste ano tiveron lugar dúas reunións previas á negociación do convenio de Insuíña nas que as posturas da dirección e da parte social ficaron totalmente distantes.
Mentres a empresa pretende reeditar os pactos de articulación das condicións de traballo, a representación do persoal demanda un convenio propio que permita unificar as súas condicións coas que xa teñen os compañeiros e compañeiras doutras empresas do grupo, tanto en materia salarial, como no relativo ás licencias e permisos, a clasificación profesional etc.
Malia os traballadores e traballadoras de ambos centros ratificar en asemblea a aposta por un convenio propio, Insuíña négase a negocialo escusándose en que está a negociar un Plan de Igualdade e na proximidade das eleccións sindicais, limitándose a propor outro pacto de mellora.
En resposta a este inmobilismo patronal, o persoal xa realizou dúas concentracións os días 24 de novembro e 1 de decembro, mais ante a falta avances decidiron ir á folga xoves, venres e sábado da próxima semana e iniciar folga indefinida o 19 de decembro se non hai avances.