O persoal de Ingapán (Europastry) mobilízase contra os recortes e a precariedade laboral
Os traballadores e as traballadoras de Ingapan iniciaron mobilizacións este pasado sábado en rexeitamento aos recortes e a precariedade laboral que a empresa pretende aplicar. A protesta desenvolveuse diante da sede central da compañía no Polígono industrial do Ceao (Lugo).
Actualmente Ingapan atópase integrada dentro do Grupo Europastry (líder no sector de masas conxeladas), e na provincia de Lugo conta con seis centros de traballo (Fábrica 1, Fábrica 2, Koama, Chousa, Outeiro de Rei e Begonte) e cun cadro de persoal que supera as 400 persoas.
Christian López, secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, explica que dende o pasado ano , o comité de empresa (con maioría da CIG) "vén reiterando a necesidade de evitar diferencias económicas entre os distintos centros de traballo e evitar os intentos de recortes e conxelacións dos salarios. En definitiva velar polos dereitos do persoal".
Europastry non respecta os dereitos
A relativamente recente entrada do grupo Europastry (comezos 2020), explica López, introduciu novos elementos de incerteza, pois dende que se subrogou o persoal, a empresa non asumiu dereitos recoñecidos do persoal como a cesta de nadal, e hai problemas a resepcto da aplicación de conceptos económicos. "Precedentes que viñeron precipitar a concentración deste sábado".
En datas próximas, o comité organizou asembleas de consulta ao persoal para analizar a estratexia a leviar adiante fronte aos ataques da empresa: conxelación dos salarios, desigualdades económicas entre os distintos centros de traballo "e busca de subterfuxios que afecten de maneira progresiva á totalidade do persoal".
"Ante a situación de descontento, o comité decide encamiñar a vía da loita sindical para que a empresa recapacite e sente para abordar a actual situación, nun contexto, dende o punto de vista productivo, aceptábel", sinala López Carmona.