O persoal de GT Motive continúa cos paros e mobilizacións en demanda dunha suba salarial digna
Os traballadores e traballadoras de GT Motive continúan este xoves 16 e mañá, venres 17 de febreiro, co calendario de folgas parciais e concentracións para reclamar salarios dignos que permitan, cando menos, garantir o mantemento do poder adquisitivo. Os paros (convocados polo comité de empresa e que teñen un seguimento masivo) desenvólvense das 10 ás 15 horas e van acompañados de concentracións diante das instalacións da empresa en Pontedeume.
O delegado da CIG, Miguel Huguet, critica que despois da primeira xornada de folga parcial realizada o pasado 3 de febreiro (secundada tamén pola maioría do persoal), "a empresa dixo que estaba disposta a negociar, pero na práctica non se está movendo nas súas propostas", presentando unha oferta que non responde en absoluto ás reivindicacións sociais.
Explica que os salarios do cadro de persoal de GT Motive fóronse precarizando debido ás cativas subas pactadas no convenio de referencia (o estatal de Artes Gráficas) e ás dificultades económicas que atravesou a empresa. Isto provocou que, ano tras ano, os soldos foran perdendo poder adquisitivo, o que unido "á subida da cesta da compra, da luz, dos combustíbeis e dos bens básicos poñen nunha situación moi delicada ás economías do persoal e das súas familias".
Para reverter esta situación e ante a previsión de que no convenio de Artes Gráficas (en proceso de negociación) se pactarán subas de miseria, o comité promoveu unha negociación coa empresa para reclamar un incremento salarial que permitira recuperar e manter o poder adquisitivo dos soldos. Esta negociación levou a que GT Motive aplicara un incremento para o ano 2023 que en parte compensa o aumento do IPC "pero que suporía consolidar a perda do 5,4% da capacidade adquisitiva dos dous últimos".
A este respecto, Huguet apunta que, logo da crise vivida, en 2021 o grupo Allianz X fíxose con GT Motive e nestes momentos a empresa goza dunha situación económica favorábel, polo que non se entende a negativa da dirección a asumir unha suba salarial xusta.
Por estas razóns, o persoal rexeita a actitude miserenta da empresa e, de non producírense avances, o comité xa estuda intensificar as mobilizacións até conseguir un incremento salarial digno que permita facer fronte ao alto custe da vida, non descartando incluso ir a unha convocatoria de folga indefinida.