O persoal de GT Motive clama nas rúa de Ferrol por uns salarios dignos
Os traballadores e as traballadoras de GT Motive levaron este venres as súas reivindicacións en demanda dun incremento salarial digno até a cidade de Ferrol. Coincidindo coa terceira xornada de folga xeral na planta de Pontedeume, o persoal mobilizouse dende o Porto Deportivo até as portas da delegación da Xunta de Galiza na cidade departamental, ao berro de "GT Motive solución".
Alí, o persoal advertiu que continuará coa loita, iniciada xa no mes de febreiro con paros laborais e concentracións diante da planta de Pontedeume, até que a empresa poña enriba da mesa unha proposta de incremento salarial xusto, que permita paliar a perda de poder adquisitivo acumulada nos dous últimos anos.
A este respecto, o delegado da CIG, Miguel Huguet, subliñou que nestes momentos GT Motive conta cunha boa situación económica "e pode asumir sen problemas o pago dunha suba digna dos salarios dos seus traballadores e traballadoras", que viron como ano tras ano as súas retribucións se empobrecían.
Un incremento irrenunciábel, ademais, no actual contexto de medre imparábel do custe da vida e da carestía. "A empresa non ten escusa para non pagar. Está a facer investimentos e ten diñeiro, pero non quere asumir un incremento digno, senón que quere continuar a precarizar os nosos postos de traballo", denuncia Huguet, quen advirte que hai compañeiros e compañeiras "que non chegan a fin de mes".
Por iso, diante da falta de avances na negociación coa dirección, xa adiantou que "non imos consentir esta situación e continuaremos loitando e mobilizándonos todas as veces que faga falta no centro de traballo e nas rúas até lograr unha suba xusta. Isto que o teña ben claro a empresa".