O persoal de Forvia en Ourense ratifica a proposta de folga indefinida do comité

As persoas traballadoras da empresa de automoción decidiron por ampla maioría iniciar o paro a partir do luns día 9 ante a falta de carga de traballo
Ourense - 04 Mar 2026

O cadro de persoal de Forvia (antiga Faurecia Ourense) decidiu onte por ampla maioría (163 votos a favor, 53 en contra e 1 en branco) ratificar a proposta de convocatoria de folga indefinida a partir do vindeiro luns 9 de marzo achegada polo comité de empresa ante a falta de carga de traballo prevista, o que poría en perigo a continuidade de todos os postos de traballo.

Segundo explican dende a representación sindical (8 persoas delegadas da CIG, 4 de CCOO e 1 da UGT), a compañía de automoción informou recentemente ao persoal que as posibilidades produtivas no relativo a proxectos de certa importancia “pasaban polo restyling do actual P24 e por un novo proxecto de Renault, polo que se traballaría para a súa adquisición para a fábrica de Ourense”. 

O proxecto de Renault foi trasladado por Forvia, sen información previa, da fábrica de Ourense para a de Tarazona

O pasado venres a dirección confirmou que se iniciou a fase de adxudicación do restyling do P24, “mais ao non poder aportar máis datos de volume de fabricación e carga de traballo decidimos facer indagacións pola nosa conta”, podendo comprobar que tanto o contido de traballo como a produción prevista serían moi insuficientes para manter todos os postos de traballo.

“A nosa sorpresa xurdiu cando descubrimos que o proxecto de Renault foi trasladado por Forvia, sen información previa, da planta de fabricación de Ourense para a de Tarazona, algo que nos parece gravísimo tendo en conta a situación de falta de carga de traballo da nosa fábrica, ademais de ser un xeito de actuar desleal por parte de quen dixo que traballaría para gañarse a nosa confianza”.

Por iso insisten en que non van permitir este “maltrato” a unha fábrica “que nunca tivo conflitos, demostrou a súa capacidade para levar a cabo proxectos e deu beneficios sempre”, que mesmo serviron para tapar débedas doutras fábricas do Grupo. “Levamos un ano deixando traballar para que os responsábeis puidesen solucionar o futuro buscando carga de traballo, pero atopámonos cunha manobra que nos resta posibilidades a nós en favor doutra fábrica que ten o futuro garantido”.

En consecuencia, a representación sindical decidiu por unanimidade propoñer unha convocatoria de folga indefinida que onte foi ratificada polo cadro de persoal nas votacións celebradas en urna.