O persoal de FerroGlobe continúa as mobilizacións contra o bloqueo da negociación colectiva e non descarta convocar paros
Os traballadores e as traballadoras da fábrica de FerroGlobe en Sabón (Arteixo) continuaron este mércores coas mobilizacións para reclamar o desbloqueo da negociación colectiva e reclamar un incremento salarial xusto. O persoal concentrouse ás 14h na entrada da fábrica, coincidindo co cambio de quenda laboral, mentres que no día onte, martes, foi o persoal da mina de Serrabal quen se mobilizou polo mesmo motivo.
A representación social denuncia que a dirección segue negándose a negociar un incremento dos salarios vinculado cando menos ao IPC, nin a negociar unha porcentaxe de suba que garanta o mantemento do poder adquisitivo das traballadoras e traballadores. O presidente do comité da fábrica de Sabón, Armando Platas, explicou que o luns e o martes da vindeira semana hai reunión en Madrid "e esperamos unha resposta positiva por parte da empresa á última proposta que lle trasladamos".
No caso contrario, advertiu, as mobilizacións continuarán e non se descarta a convocatoria de paros laborais durante o próximo mes de xuño.
A representación do persoal critica a negativa da empresa a presentar propostas dignas malia os excelentes resultados da compañía "que en 2023 obtivo uns beneficios récord cun Ebitda de 315 M$, superando as súas expectativas do primeiro trimestre de 2024 de 100 a 170 M$".
A este respecto rexeitan a "mala fe negociadora" de FerroGlobe impoñendo liñas vermellas e negándose a aceptar as distintas propostas trasladadas pola parte social dende a constitución da mesa en xaneiro do pasado ano. Propostas todas elas, engaden, "dirixidas a mellorar o poder adquisitivo e as condicións laborais e sociais das persoas traballadoras do grupo".