O persoal de Ferroatlántica continúa as protestas contra "os especuladores da enerxía" e para esixir a reactivación dos fornos
Un venres máis, traballadores e traballadoras das fábricas de Ferroatlántica de Cee e Dumbría e das centrais hidroeléctricas concentráronse diante da factoría de Brens para denunciar a segregación encuberta que pretende facer a empresa, rexeitar que se especule coa produción eléctrica e na defensa do futuro industrial da comarca. Ante as incertezas xeradas, a CIG non descarta promover unha mobilización a nivel comarcal se non se dá unha solución á parada dos fornos e non se aclaran os plans de futuro que Ferroatlántica ten para as centrais e o complexo industrial.
Nesta liña, a representación da central nacionalista reivindica da Xunta que faga valer as cláusulas da concesión dos saltos de auga para forzar a empresa a que retome a actividade dos dous fornos parados dende o 1 de marzo, pois resulta evidente que non existen causas para o ERTE cando, a pesar de estar asinado pola UGT, CCOO e USO dende finais de febreiro, segue sen aplicarse e cando a fábrica de Santander está a pleno rendemento, "aínda que producir nesta planta lle resulta máis caro porque ten os bloques menos subvencionados".
Os termos da concesión, de obrigado cumprimento, vinculan a produción enerxética coa produción de ferroaliaxes no obxectivo de garantir a viabilidade do complexo industrial e o mantemento dos postos de traballo. "Ter dous fornos sen actividade, desviar a carga de traballo que até agora tiñamos aquí e desabastecer de materia prima ás fábricas de Cee e Dumbría non parece a mellor maneira de garantir a súa viabilidade", subliña Alfonso Mouzo, voceiro da CIG no comité. Mouzo acusa tamén a empresa de pretender xustificar perdas con esta manobra para avanzar no desmantelamento e a deslocalización da produción.
Ferroatlántica quere facer "unha segregación encuberta"
De igual xeito, denuncia que a segregación encuberta que quere levar adiante Ferroatlántica coa suposta venda á Ferrovial compromete seriamente o futuro das fábricas. Non hai que esquecer que unha das causas alegadas pola empresa para presentar o expediente de regulación temporal foi o elevado custe enerxético.
Non obstante, a CIG lembra que as centrais hidroeléctricas -co custe social e ambiental que esta obra carrexou- foron construídas precisamente para abastecer as fábricas de ferroaliaxes, pero foi Ferroatlántica quen de maneira voluntaria optou pola separación das liñas, co claro obxectivo de desvincular o complexo industrial das centrais hidroeléctricas e vender estas últimas.
A este respecto, Mouzo apunta que as plantas de Cee e Dumbría poderían compatibilizar o sistema de compensación da interrompibilidade e o autoconsumo, o cal permitiría rebaixar considerabelmente o custe da enerxía. Algo que Ferroatlántica non está a facer.
Así as cousas, os traballadores e traballadoras continuarán coas mobilizacións todos os venres pola tarde mentres non existan garantías de futuro para os empregos e a actividade industrial.