O persoal de Ferroatlántica continúa as concentracións en Cee contra a negociación do acordo marco
Os traballadores e as traballadoras das fábricas de Ferroatlántica en Cee e Dumbría e das Centrais Hidroeléctricas continuaron este mércores coas mobilizacións en rexeitamento ao acordo marco que a empresa pretende sacar adiante, coa complicidade das organizacións sindicais españolas, e que suporá vincular os diferentes convenios de empresa en vigor na actualidade. Como vén sendo habitual, o persoal desenvolveu unha concentración ás portas das oficinas de Ferroatlántica en Brens.
Dende o comité reiteran que "non admiten nin recoñecen" lexitimidade á fórmula escollida pola empresa nin a ningunha outra que puideran propor "e que non pase pola lexitimamente recoñecida, que é a negociación nas nosas fábricas, entre o comité e a propia empresa".
Neste senso, lembran que os traballadores e as traballadoras de Ferroatlántica na comarca xa dispoñen dun convenio colectivo propio, que actualmente está en trámite de renovación e que "é o único convenio de aplicación no centro, conforme o estabelecido no artigo 81.1 do ET".
As primeiras consecuencias da paralización da negociación nos respectivos centros de traballo, téñense traducindo na falta de acordo para a elaboración do calendario laboral do ano 2018, polo que o comité de empresa xa interpuxo a denuncia correspondente ante a Inspección de Traballo.
Non se descarta a convocatoria de folga
Denuncian que a negociación dese acordo marco en Madrid constitúe unha usurpación da lexitimidade de negociación dos comités dos centros de traballo, xa que a dirección recoñece como interlocutores aos representantes das centrais sindicais, mais non aos representantes legalmente elixidos/as polos cadros de persoal.
O comité de Ferroatlántica en Cee-Dumbría-CCHH xa deu traslado desta situación ás respectivas asesorías xurídicas dos seus sindicatos "para estudar as accións legais a emprender contra esta usurpación de dereito". E advirten que, de continuar adiante con esta negociación, o comité non descarta a convocatoria de folga, "tal e como xa foi autorizado pola asemblea de traballadores/as".