O persoal de Ferroatlántica amosa o seu rexeitamento ao acordo marco que a empresa pretende impor
Os traballadores e as traballadoras de Ferroatlántica nas fábricas de Cee e Dumbría e as Centrais Hidroeléctricas continuaron este mércores coas mobilizacións para amosar o total rexeitamento ao acordo marco que a empresa pretende levar adiante, coa complicidade das centrais sindicais estatais, e que suporía vincular os convenios colectivos vixentes nos diferentes centros de traballo.
Reiteran que non admiten nin acreditan na fórmula escollida pola empresa, "pois constitúe unha usurpación da lexitimidade de negociación dos distintos comités e delegados/as de persoal electos/as". Lembran que os traballadores e as traballadoras de Ferroatlántica na comarca xa dispoñen dun convenio colectivo propio, que actualmente está en trámite de renovación, e que "é o único convenio de aplicación no centro, conforme o estabelecido no ET".
Neste senso, denuncian que a dirección da empresa "está a ningunear" a representación legal do persoal, xa que continúa sen querer sentar a negociar o novo convenio colectivo, á espera, supoñen, de que se asine en Madrid o mencionado acordo marco.
Amplísimo rexeitamento entre o persoal
A este respecto, cómpre lembrar que onte mesmo a dirección de Ferroatlántica, nun intento de confundir e vender as supostas bondades dese acordo, mantivo reunións co persoal dos diferentes departamentos. En todas as xuntanzas, os traballadores/as amosaron amplamente o seu rexeitamento e desacordo tanto á imposición dun acordo marco como á fórmula utilizada polo grupo empresarial.
En canto aos anuncios sobre o preacordo entre Ferroglobe e os sindicatos estatais, o comité entende que se trata de "pura propaganda" na que se está a utilizar a cuestión económica como un gancho de cara ao persoal, mais a realidade é que calquera incremento salarial estará supeditado a que se asuman as propostas da empresa en materias tan sensíbeis como xornada, calendarios laborais, IT, 'absentismo', etc. "Iso sen ter en conta que a oferta de incrementos salariais da que se fala é ridícula comparada coas demandas que contempla a plataforma presentada polo comité de Cee-Dumbría-CCHH para o novo convenio colectivo".
O comité esixe da dirección que sente negociar dunha vez a actualización do convenio colectivo vixente nas fábricas e centrais da Costa da Morte ou, do contrario, iniciaranse as accións legais oportunas, "sen descartar a convocatoria de folga, tal e como xa foi autorizado pola asemblea de traballadores/as".