O persoal de Estilismo da CRTVG, sen cobrar desde o mes de novembro, anuncia mobilizacións
O persoal do Servizo de Estilismo da CRTVG, contratado á empresa New Model’s SL, traballa sen cobrar os seus salarios desde o mes de decembro, despois de que a empresa declarara concurso de acredores, o pasado 21 de novembro.
As traballadoras consideran que esta situación é consecuencia “da actuación irresponsábel do noso empresario, Heriberto Otero González, porque non podemos entender a insolvencia de New Model´s cando o contrato de prestación de servizos coa CRTVG representa máis do 60% do seu volume de negocio. Se fósemos malpensadas, mesmo poderiamos interpretar que esta situación foi creada artificialmente, con propósitos que só sabería o empresario (e quizais tamén algún responsábel da TVG)”, denuncian.
Cuestionan ademais que Otero González creara outra empresa -días antes da declaración concursal- e que esta estea a prestar o servizo de estilismo a Centroña Producións Audiovisuais, para a produción de “Coma un Allo”, utilizando vestiario, persoal e medios propios da CRTVG, e facturando por ese servizo sen que a CRTVG faga nada para impedilo.
Anuncio de mobilizacións
As traballadoras entenden que, como empresa pública, a CRTVG non pode consentir por máis tempo esta situación. “É a súa obriga adoptar as medidas necesarias para que o servizo da contrata se preste adecuadamente e para que se asegure o pago dos nosos salarios”.
Por iso anuncian o inicio de mobilizacións, “para defender os nosos postos de traballo e os salarios que se nos adebedan”.