O persoal de Einsa Print mobilízase contra o ERE e para reclamar a implicación urxente da Xunta

Este mércores concentráronse no edificio administrativo de Ferrol ante a falta de resposta á solicitude de reunión
Ferrol - 25 Xun 2025

Os traballadores e as traballadoras de Einsa Print concentráronse este mércores diante do edificio da Xunta en Ferrol para amosar o seu rotundo rexeitamento ao novo despedimento colectivo que pretende aplicar a empresa e que suporía o peche da actividade de artes gráficas nas instalacións das Pontes. Na protesta, o persoal aproveitou para demandarlle ao Goberno galego que asuma responsabilidades e actúe para impedir que se materialice esta desfeita laboral que suporía un duro golpe para a localidade.

“Estamos ante un ERE totalmente fraudulento. Hai escasos 15 meses, a empresa xa executou outro ERE por causas organizativas e produtivas no que marcharon 120 compañeiros e compañeiras”, denunciou ás portas do edificio da Xunta o presidente do comité, Antonio García. Lembrou que existía un acordo de mantemento de emprego até o 31 de decembro de 2026, “cun plan de viabilidade para que a empresa axilizara a entrada de novo traballo”.

Porén, a realidade neste tempo foi ben distinta: “todas as semanas a dirección nos comunicaba a perda dalgún cliente, que non entraban novos traballos e mesmo comezou a vender maquinaria”. Un desmantelamento das instalacións que culminou noutro expediente de regulación por causas económicas e produtivas “que para nós é o mesmo ERE”.

Para máis agravar a situación, Einsa Print propón pagar as indemnizacións en dous prazos alegando problemas económicos “cando acaban de embolsar 16,2 millóns de euros” pola venda da parte que aínda conservaba de GT Motive. García insistiu en que o acordo do anterior ERE xa contemplaba as condicións das saídas no caso de producirse despedimentos por causas sobrevidas e demandou que se respecte o pactado.

Ante as manobras da empresa, que fai sospeitar que o seu obxectivo real é un cambio de actividade e sacar proveito das naves e terreos que adquiriu a prezo vantaxoso e con substanciosas axudas públicas, o presidente do comité reiterou que os traballadores e traballadoras van pelexar pola continuidade dos seus empregos.

Na mesma liña pronunciouse o secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal, que exixiu a retirada inmediata do ERE por ser unha fraude, xa que incluso a parte empresarial “recoñeceu que as causas produtivas son as mesmas que no anterior ERE”. Agora presenta como causas principais motivos económicos, cando acaba de vender a participación do 13% de GT Motive e hai uns anos xa recibiran 34 millóns de euros polo outro 80%.

Cuestionou a finalidade que Einsa Print lle deu a eses cartos e alertou que tras o despedimento colectivo quedarán 26 persoas no cadro de persoal para realizar o mantemento das instalacións “porque a intención parece que é alugalas”.

Hai que ter en conta que a empresa ten a maioría do persoal na casa cun permiso retribuído polo que se preguntou “de onde saen eses cartos”, e como ten previsto financiar os salarios do persoal que quede “se non hai produción”.  Por todo isto, Vidal amosouse desconfiado da información que traslada a empresa, á que acusou de mala fe e de ocultar os seus auténticos propósitos.

O comité xa lle solicitou xuntanza con carácter urxente ás consellarías de Emprego e Industria para abordar a situación “pero aínda non tivemos contestación”. “O desmantelamento das Pontes sigue a pasos acelerados e aquí non hai ningún interese por parte das administracións en manter os empregos. É unha desolación, non existe plan de reindustrialización para As Pontes”, denunciou Vidal.