O persoal de Einsa Print leva as protestas contra o ERE até as naves de Einsa Sourcing
O persoal de Einsa Print continúa coas mobilizacións en rexeitamento ao ERE e na defensa dos postos de traballo. Na mañá deste martes, as accións reivindicativas a modo de piquetes, trasladáronse a Pontedeume onde o persoal se mobilizou diante das naves de Einsa Sourcing en Campolongo e nos almacéns de Leche Celta no Polígono do Vidreiro -xa que é Einsa Sourcing quen realiza a loxística da empresa láctea-, conseguindo paralizar a actividade en ambas instalacións.
Os traballadores e traballadoras acordaron diversificar as mobilizacións e sacalas das Pontes ante a manobra de Einsa Print de mandar a maioría do persoal para a casa cun permiso retribuído coincidindo co período de consultas do ERE. Para a CIG-Industria esta decisión é un intento da empresa de evitar medidas de presión e desactivar a resposta social.
Porén, o persoal non está disposto a renunciar á loita nin a visibilizar na rúa a súa oposición a este novo expediente de regulación de emprego, que segue considerando unha fraude. É máis, o malestar do persoal foi medrando nestas semanas ao confirmase que, en plenas negociacións do período de consultas, a empresa está desmantelando as naves e traballando para a posta en marcha da seguinte actividade.
Estas cuestións serán trasladadas polo comité durante a reunión fixada para o venres 11 de xullo, ás 11:00h, en Ferrol, con representantes das consellerías de Emprego e de Industria, a quen se lle demandarán accións contundentes na defensa do emprego e dos dereitos laborais.