O persoal de Einsa Print, en folga indefinida, reclama a paralización do ERE e a continuidade dos postos de traballo
Traballadoras e traballadores de Einsa continúan este mércores coa folga e as mobilizacións contra o ERE presentado pola empresa e na defensa da continuidade dos empregos e a da actividade produtiva. O paro, que agora ten carácter indefinido, desenvolvese con motivo do remate do período de consultas e por iso o persoal reclama que se amplíen as negociacións para facilitar a busca de alternativas.
A primeira hora da mañá, o persoal levou as súas protestas até as portas da planta que a empresa ten en Pontedeume para visibilizar que a súa loita e mais para pedir a solidariedade e o apoio das compañeiras e compañeiros de Einsa Sourcing.
A concentración prolongouse por espazo de dúas horas e a seguir os traballadores e traballadoras regresaron ás Pontes para manifestarse polo centro da vila "reclamando das administracións que sigan presionando á empresa" co obxectivo de paralizar o ERE.
O período de consultas remata este xoves e Einsa négase a prolongalo. "Quere rematar con ou sen acordo", apunta Jorge López, do comité. Explica que o número total de despedimentos que rebaixou a empresa "é ridículo" e aínda que subiu catro día as indemnizacións "coas circunstancias que temos de antigüidade é como dicir que non subiron nada".
Neste contexto, o persoal trasladará este xoves as mobilizacións até Compostela e concentrarase a partir das 10:00h diante do Consello Galego de Relacións Laborais, coincidindo co último día das negociacións do ERE.