O persoal de DIGI da Coruña irá á folga os días 23, 24 e 25 de setembro contra o recorte de dereitos do convenio de empresa

Coincidindo coas xornadas de paro, haberá concentracións diante das tendas da operadora
A Coruña - 18 Set 2025

A asemblea de traballadores e traballadoras de DIGI celebrada na tarde de onte acordou ir á folga os días 23, 24 e 25 de setembro en rexeitamento ao I Convenio Colectivo de empresa asinado por UGT e CCOO, xa que suporá un retroceso nas condicións salariais e laborais “inaceptábel”. Deste xeito, o persoal dá continuidade ao calendario de mobilizacións iniciado o pasado 19 de agosto en defensa dos seus dereitos.

Calendario de concentracións
  • 23 de setembro, 11:30h, na tenda DIGI da rúa Juan Flórez, 74.
  • 24 de setembro, 11:30h, na tenda DIGI da rúa Barcelona, 48.
  • 25 de setembro, 11:30h, na praza central do CC Marineda City (onde a empresa conta tamén cunha tenda).

Recorte salarial, en materia de horarios, vacacións e mobilidade

O comité de DIGI na Coruña (7 CIG e 2 CCOO) lembra que até agora o convenio de aplicación é o provincial de siderometal, de condicións moi superiores tanto en materia económica como de xornada, vacacións ou mobilidade, ao convenio asinado en xullo en Madrid por UGT e CCOO “sen contar coa opinión nin coa participación das persoas traballadoras afectadas no conxunto do Estado”.

Entre outros recortes, de aplicarse o I convenio de empresa (que aínda non está publicado) o persoal celador pasaría a cobrar 5.800 euros menos ao ano, o persoal técnico de instalación e mantemento perdería até 6.600 euros anuais, e os mandos intermedios deixarían de percibir arredor de 6.800 euros ao ano. Ademais, perderíanse as melloras salariais e as actualizacións automáticas pactadas no convenio do metal da Coruña e tamén se verían reducidos os pluses de asistencia, dietas ou extras.

Co novo convenio tampouco se recoñecería o tempo de desprazamento como tempo efectivo de traballo, habería menos vacacións devindicadas e produciríase unha precarización dos novos contratos, xa que este persoal accedería ao posto con remuneracións por debaixo das táboas salariais do sector e sufrirían conxelación salarial durante anos.

Ante esta agresión, o comité da Coruña decidiu plantar cara e loitar contra un convenio de empresa totalmente regresivo que levaría a unha situación insólita no sector das telecomunicacións: que o persoal da empresa principal teña condicións inferiores ao persoal das subcontratas.

Neste contexto, ademais da convocatoria de folga e das mobilizacións, o comité xa puxo a cuestións en mans dos servizos xurídicos da CIG, que están a analizar a impugnación legal para tombar o convenio nos tribunais.