O persoal de CAPSA volve parar en demanda da revisión salarial segundo o IPC
O persoal de CAPSA prosegue cos paros laborais de dúas horas e as concentracións diante da factoría da Robra en Outeiro de Rei, en demanda do cumprimento das garantías económicas recollidas no convenio colectivo. É dicir, que a empresa aplique de inmediato a revisión salarial conforme ao IPC real.
Como vén sendo habitual nos últimos catro mércores, os traballadores e as traballadoras pararon de 13 a 15 horas e concentráronse diante da planta de Corporación Alimentaria Peñasanta SA (que integra marcas tan coñecidas como Larsa ou Central Lechera Asturiana).
Pero a diferenza das anteriores xornadas, a folga parcial tivo un maior impacto xa que o xulgado admitiu a petición de medidas cautelares presentada pola CIG, suspendendo os servizos mínimos impostos pola empresa ao entender que poderían vulnerar o dereito fundamental á folga do persoal.
Ao longo de diversas reunións previas aos paros e no marco da mediación aberta, o persoal vén reclamando a efectivización da revisión salarial pactada ao IPC real para o centro de traballo de Robra, sen que a empresa teña asumido até o momento as súas obrigas.
Ante o incumprimento da empresa e a nula vontade para chegar a acordo, o persoal reunirase en asemblea nos próximos días para decidir un novo calendario de mobilizacións.
Para o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López, resulta "impresentábel que un grupo empresarial de ‘base cooperativa’ que declara enormes beneficios e unha imaxe mediatica de forte compromiso co sector, se aveña a contravir os termos pactados na negociación colectiva".