O persoal de CAPSA mobilízase para reclamar á empresa que aplique a suba salarial ao IPC que marca o convenio
Os traballadores e as traballadoras da factoría que Corporación Alimentaria Peñasanta SA ten en Robra (Outeiro de Rei) iniciaron este mércores mobilizacións en demanda do cumprimento das garantías económicas estabelecidas no convenio propio e que a empresa proceda de inmediato á actualización salarial.
O persoal concentrouse durante unha hora diante das instalacións de CAPSA para reclamar a efectivización da revisión salarial pactada ao IPC real para o centro de traballo de Robra. Unha demanda que trasladaron nas reunións mantidas coa dirección, que se nega a cumprir co asinado. Unha negativa, critica o secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, "na mesma sintonía que está a amosar a patronal do sector lácteo".
Para o conxunto do persoal de CAPSA resulta gravísimo este incumprimento da empresa do convenio nos termos pactados, polo que, de non materializarse a actualización salarial xa avanzaron que o conflito se intensificará nas próximas semanas.
De feito, están convocadas folgas parciais para os mércores das próximas semanas que irán acompañada tamén de concentracións diante da planta da Robra.
"É impresentábel que un grupo empresarial de ‘base cooperativa’ que declara enormes beneficios e presume dunha imaxe mediática de forte compromiso co sector, non cumpra coas condicións pactadas na negociación colectiva", denuncia López Carmona. CAPSA integra marcas tan coñecidas como Larsa, Central Lechera Asturiana ou ATO.