O persoal de Betanzos HB conclúe cunha concentración a segunda xornada de folga
Ao remate da concentración deuse lectura a un comunicado no que o Comité critica a “intransixencia da empresa” e a súa negativa a buscar unha saída dialogada á situación de bloqueo na que se atopa a negociación do convenio. “Non temos constancia de que a empresa queira diálogo e negociación sobre unha nova proposta que desbloquee a actuación situación”, censuraron.
Pola contra, a representación social reiterou a súa disposición a seguir negociando até “conseguir un acordo que garanta os nosos dereitos colectivos”. Pero ese diálogo, apuntan, “non pode ser sobre a base de imposición ou estabelecer liñas vermellas innegociábeis como fai a empresa”.
Neste sentido volveron rexeitar as ameazas de Betanzos HB sobre a imposición do convenio do sector da madeira se non se acada un acordo a 30 de setembro. “Esta actitude demostra a verdadeira intención da empresa desde o minuto cero: impoñer un recorte xeneralizado de dereitos para seguir obtendo cuantiosos beneficios”.
Diante desta situación, o Comité chamou aos traballadores e traballadoras a seguir na loita pola defensa dos seus dereitos laborais e salariais e xa está preparando unha asemblea de persoal para decidir as seguintes accións a desenvolver.