O persoal de ambulancias referenda por práctica unanimidade o preacordo de convenio colectivo
As asembleas de traballadoras e traballadores do sector de ambulancias, celebradas este martes, día 2 de abril, refrendaron por práctica unanimidade o preacordo de convenio colectivo. O resultado global foi de 310 votos a favor (98,42%), 1 voto en contra (0,31%) e 4 abstencións (1,27%).
Nas asembleas debatéronse os novos puntos que se incorporarán ao convenio e que supoñen importantes melloras na estabilidade laboral e das condicións dos contratos de prácticas, dúas das grandes reivindicacións e asuntos centrais da convocatoria de folga.
Ademais establécese un control de xornada a través dun rexistro obrigatorio con control sindical, así como novas licencias ou o protocolo de muller embarazada, con medidas moi avanzadas para calquera sector. Con estas e outras medidas contidas neste preacordo atállase a precariedade no sector, nomeadamente no abuso da contratación en prácticas e na práctica supresión da temporalidade na vixencia deste convenio colectivo.
Nas anteriores asembleas aprobárase o preacordo para a parte económica, que supuña a parte máis substancial desta negociación e que en conxunto, co referendo de hoxe, representará un enorme avance para o sector do transporte sanitario no noso país.
A aprobación dos dous preacordos supón agora a sinatura definitiva do convenio colectivo nunha nova reunión que está convocada para este xoves ás 16:30 horas no Consello Galego de Relacións Laborais.
Será nese documento, tal e como se acordara nas asembleas, cando se fará efectiva a desconvocatoria da folga indefinida, que se atopaba suspendida a expensas do que ocorrera na negociación.