O persoal de ambulancias continúa en loita por un convenio digno para o sector
O persoal de ambulancias de Galiza está en folga hoxe mércores 4 e mañá, xoves 5 de xullo, para esixir avances na negociación do convenio colectivo, caducado dende hai máis de dous anos. Estas novas xornadas de folga véñense sumar as catro anteriores realizadas no sector (dous días en maio e dous días en xuño) e están acompañadas de concentracións e manifestacións de traballadores/as nas distintas áreas sanitarias.
O responsábel de transporte da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, destacou o amplísimo seguimento que está a ter o calendario de folgas convocadas pola CIG -que foi aprobado de xeito unánime polas asembleas de persoal-, a pesar do abusivo decreto de servizos mínimos imposto pola Xunta, que acada o 75% da actividade. "Na práctica, a Consellaría está impedindo a boa parte do persoal o exercicio fundamental do dereito á folga, por iso xa temos recorridos os servizos mínimos", apuntou.
A patronal, enrocada
Pastoriza, critica a actitude da patronal, que non só se nega a avanzar na negociación, senón que pretende introducir recortes salariais e laborais neste convenio argumentando que os contratos non lles chegan para cubrir gastos. "Dende que comezamos coas folgas houbo algúns contactos informais coa patronal para retomar as conversas, pero até o momento non se avanzou nada" razón pola que, adianta o sindicalista, "seguiremos na rúa defendendo unhas condicións de traballo dignas e que se dea un servizo público de calidade".
Ao bloqueo da negociación colectiva, engade, súmanse as pretensións de varias empresas que solicitaron a inaplicación do convenio e unha rebaixa salarial de até o 25%, algo que cualifica de "auténtica barbaridade".
Neste senso, Pastoriza apunta á responsabilidade da Xunta de Galiza no conflito do transporte sanitario, xa que no seu momento aceptou ofertas por debaixo de convenio. "A Consellaría puxo por diante o aforro económico antes que o servizo á cidadanía e agora non pode ser que administración e empresas pretendan que sexan os traballadores e as traballadoras quen paguen esas rebaixa económica", afirma.
A FGAMT-CIG critica a desidia da Consellaría de Sanidade que "sendo protagonista da situación do sector, está desaparecida e ten totalmente abandonado a un colectivo de traballadores e traballadoras que realizan un servizo público primordial". Dende a central sindical reclámase a intervención do SERGAS tanto para obrigar a patronal a negociar o convenio como para facer cumprir o estabelecido nos contratos.
Combater a precariedade laboral
A respecto da a plataforma de convenio, Xesús Pastoriza subliñou que contempla unha serie de medidas para reverter a precarización e o deterioro das condicións no sector: subida salarial, incorporación da terceira paga extraordinaria, limitar a contratación en prácticas e a transformación deste persoal en indefinido ou a loita contra o exceso de xornada.
Sobre este punto, Pastoriza explicou que nos dous últimos anos os cadros de persoal e as ambulancias non se incrementaron mentres que o número de servizos a realizar medraba nun 20%, "provocando que a carga de traballo que hai sexa inabarcábel". "Que existe sobrecarga de traballo queda demostrado polo feito de que hai empresas que rexistran até un 13% de baixa anuais do persoal, por lesións derivadas do seu traballo, e estamos falando dun sector cun media de idade que non chega aos corenta anos".
"Esta situación querémola combater por dúas vías: anulando as horas extraordinarias e mellorando a prevención de riscos laborais", explicou.
Sancións e incumprimentos na área sanitaria de Santiago
Na área sanitaria de Compostela, onde o persoal saíu en manifestación desde o hospital Clínico até as portas do Parlamento de Galiza, denunciáronse ademais os apercibimentos e sancións “falsas” e indiscriminadas a traballadores/as tanto de transporte urxente como non urxente por suposto “abandono de doentes”, que teñen como único obxectivo “amedrentar”.
Xunto a isto denunciouse tamén o incumprimento, por parte de Ambuibérica, das súas obrigas por non manter debidamente desinfectados os uniformes, tal e como se lle requiriu desde a Inspección de Traballo.
Esta é a última xeira do calendario de folgas, mais dende a FGAMT-CIG xa se advertiu que, de non producírense avances, á volta do verán avaliaranse novas medidas de presión a desenvolver até lograr a sinatura do convenio colectivo.