O persoal de Alfrío acorda en asemblea novos paros ante a falta de acordo no novo convenio
As traballadoras e traballadores de Alfrío, acordaron este mércores a convocatoria de novos paros. Denuncian que a empresa segue sen aceptar o recoñecemento, por antigüidade, das categorías de Oficial de Primeira e de Segunda e mantén unha proposta salarial que consideran discriminatoria. Hoxe mobilizáronse nas oficinas e na factoría que ten en Vigo, coincidindo coa quinta xornada de folga.
Respecto da proposta salarial de Alfrío, Ánxela Martínez, representante da CIG, explica que a consideran “un pouco discriminatoria”, porque “en vez de subir as categorías, o que fan é incrementar un pouco a auxiliares, que cambian de nome e pasan a chamarse operarias pero, ao resto do persoal subiríanlle só un 5%”.
Denuncia ademais que “se comerían os atrasos de 2024, dos pluses e demais, porque din que non son quen de cuantificalos, aínda que se quixeran poderían, pero non lles dá a gana” e fan unha rebaixa nos seguintes anos porque pasarían a un 3% en 2025 e a outro 3% no 2026”.
Categorías por antigüidade
O persoal reclama, desde o inicio das negociacións, que se recoñezan categorías por antigüidade, porque levan anos conxeladas. Explica que neste tipo de centros non hai postos específicos para que todo o mundo poida ter acceso a outra categoría.
Porén, a empresa segue sen querer recoñecer a categoría de Oficiais de Primeira e de Segunda atendendo a este criterio. Unha cuestión diante da que Martínez afirma que, “unha persoa que leva 5, 10, 15, 20 ou 25 anos non pode quedar como auxiliar toda a vida. É como pasar toda unha vida de bolseira”.
Por iso onte o persoal tomou a decisión, en asemblea, de convocar novas xornadas de folga, coa vista posta na convocatoria dunha folga indefinida se se mantén a negativa da empresa a aceptar as súas demandas.