O persoal de Alcoa advírtelle á ministra que seguirá presionando o Goberno para que busque solucións
Representantes dos traballadores e traballadoras da fábrica de Alcoa da Coruña mantiveron esta mañá un encontro coa ministra de Industria, Reyes Maroto, para coñecer as medidas que está a levar adiante o Goberno español para garantir os empregos e a actividade produtiva máis alá do 30 de xuño, como está o proceso de desenvolvemento do estatuto para as industrias electrointensivas e a busca de posíbeis compradores das plantas.
Maroto, explica o delegado da CIG, Julio Moskowich, chegou con moi boas palabras, reiterou o compromiso do Goberno e asegurou que están buscando inversores para as fábricas. "Díxonos que traballan para manter o máximo número de empregos posíbeis, pero non nos garantiu nada", subliña. En todo caso, a ministra volveu descartar a posibilidade de que o Estado, a través da SEPI, controle transitoriamente as fábricas se non aparece un inversor.
Neste senso, engade Moskowich, a representación social trasladoulle á ministra a pouca confianza que o persoal ten en Alcoa. "Somos moi escépticos con que a empresa colabore, por iso reiterámoslle á ministra que, chegado o 30 de xuño, non se pode desbotar unha intervención por medio da SEPI, se realmente o Goberno está comprometido co mantemento dos empregos e da actividade produtiva", afirma.
Unha solución política
Precisamente, a visita de Maroto coincidiu co inicio do apagado das series de electrólise na fábrica da Coruña. Por iso, os traballadores/as xa lle adiantaron que continuarán coas mobilizacións na rúa e presionando o Goberno de maneira intensa "porque a solución para as fábricas de Alcoa e para a industria electrointensiva é unha solución política".
A este respecto, a sección sindical da CIG fíxolle entrega en man á Reyes Maroto da proposta da CIG para a creación dunha tarifa eléctrica para as industrias con grandes consumos enerxéticos, que a central xa lle trasladara ao Goberno o pasado mes de outubro, pero que agora lle volve remitir no marco do período aberto polo Ministerio para facer achegas ao estatuto de consumidores electrointensivos recollido no RD20/2018.
A sección sindical pide o cese da exclusión da CIG
Dende a sección sindical da CIG tamén fixeron unha queixa formal polo feito da central nacionalista estar excluída das reunións no Ministerio (esta mesma mañá houbo xuntanza da mesa de seguimento en Madrid), a pesar de ser primeira forza sindical en Galiza e ter e a condición de sindicato máis representativo. "Non é normal que a CIG estea vetada destas mesas e demandámoslle á ministra que cese ese veto e que se nos inclúa nas próximas reunións".