O persoal de Albertia Lugo mobilízase para esixir a readmisión das traballadoras despedidas e que se respecten os seus dereitos
Traballadoras e traballadores de Albertia Lugo concentráronse este mércores diante do edificio administrativo da Xunta para demandar da Consellaría de Política Social que interveña ante os abusos patronais que se están a dar neste centro de traballo "e para que tome decisións políticas que revertan a privatización dos servizos sociais en Galiza".
As traballadoras e traballadores deste residencia (antes xestionada por Abeiro Gold) levan anos padecendo reiterados incumprimentos do convenio colectivo, despedimentos arbitrarios e persecución sindical por reivindicar os seus lexítimos dereitos.
De feito, o comité xa tivo que presentar dúas demandas de conflito colectivo por modificacións substanciais das condicións laborais e denuncias na Inspección de Traballo pola imposición unilateral das carteleiras sen negociación co comité, sen respectar o carácter anual destas, incumprindo os descansos entre xornadas e os descansos semanais ou incluíndo quendas fixas que até entón se facían de maneira rotativa.
Ao que agora hai que sumar, denuncia Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, os seis despedimentos executados en pleno estado de alarma, atopándose de baixa médica cinco das traballadoras afectadas. Diante disto, o comité convocou unha xeira de folgas todos os martes até o mes de setembro, que a empresa está a boicotear ao impor uns servizos mínimos "que nalgunhas unidades implican que teñan que ir traballar máis persoas que as que están nunha xornada ordinaria".
Carme explica que se está a valorar xuridicamente recorrer estes abusivos servizos mínimos por impedir o lexítimo exercicio do dereito á folga e vulnerar dereitos fundamentais.