Persoal de residencias e centros de día privados mobilizarase para forzar a negociación do convenio
Os cadros de persoal das residencias da terceira idade e centros de día privados mobilizaranse este xoves día 11 en Vigo para forzar a patronal do sector a negociar un convenio colectivo que remate coa elevada precariedade e garanta os seus dereitos laborais. A CIG, CCOO e UGT teñen convocada unha manifestación entre a residencia Ballesol (Gran Vía, 10) e as oficinas centrais de DomusVi, na rúa García Barbón, 60.
As tres centrais sindicais rexistraron recentemente unha convocatoria de folga indefinida que dará comezo o vindeiro xoves 17 de marzo ás 22:00 horas para rexeitar a vulneración dos acordos económicos e sociais acadados no IV convenio colectivo do sector de residencias en Galiza.
A folga atinxe a unhas 12.000 traballadoras/es que desenvolven a súa actividade nas residencias da terceira idade (asistidas, non asistidas e mixtas), tanto para estadías permanentes como temporais, así como en residencia de día, calquera que sexa a súa denominación.
A decisión de convocar folga tomouse porque “non vemos saída nin alternativa. A patronal estivo, nestes dous anos, dilatando calquera tipo de negociación, torpedeando todo e decidimos romper a mesa porque non temos alternativa: non hai suba salarial, non hai melloras sociais, non hai nada”, sinalan dende a CIG.
O que demandan é unha suba salarial que se adecúe aos tempos que corren porque o convenio leva caducado dous anos e “xa viñamos arrastrando un salario miserento e o imos seguir empeorando”. Ademais queren melloras nas súas condicións laborais, tan básicas como en conciliación familiar, nas condicións das baixas laborais ou en materia de accidentes laborais porque neste momento “estamos polo Estatuto de Traballadores”.
Negocio a costa das persoas
Dende a central sindical denuncian que a patronal de residencias está controlada por grandes grupos, como DomusVI. Empresas que fan caixa a custo das persoas usuarias e de manter nunha situación de precariedade ao persoal e que, ademais teñen, moitas delas, concertos coa Xunta de Galiza. “É un negocio e non debería de ser tal, entendemos que tería que ser un servizo público, pero xa que está, polo menos prestalo o máis dignamente posible para usuarios e usuarias e para o persoal que traballamos nelas”.
A usura da patronal chega a tal punto que as empresas negáronse a actualizar as táboas salariais malia a Xunta ter xa actualizados os pagos das persoas usuarias que teñen prazas concertadas ao IPC (+ 6,5%) e as empresas incrementar na factura das persoas usuarias, xa desde o mes de xaneiro, esa porcentaxe. Por iso teñen solicitadas reunións coa Administración galega e mesmo puxéronse denuncias pero “a Xunta mira para outro lado e fai oídos xordos”.
Intervención da Valedora
Os tres sindicatos presentaron tamén recentemente un escrito dirixido á Valedora do Pobo para instala a intervir de xeito inmediato nun conflito que entenden que non é simplemente laboral senón unha cuestión social que afecta a toda a sociedade galega, porque, “estamos falando de que está en xogo a atención e coidado dos nosos maiores”.
Apuntan que o dereito a un servizo de coidados de calidade e a prestación de coidados en condicións dignas “está sendo vulnerado” e que “non podemos mirar para outro lado”. Nese sentido, denuncian que por causas de emerxencia sanitaria, a grave situación que padecían as traballadoras na maioría das residencia privadas da terceira idade, “agora a situación converteuse en insostíbel”, con salarios de miseria, sobrecargas de traballo e falta de tempo para prestar a atención necesaria as e os residentes.
Censuran ademais os cambios continuos de calendarios, a falta de valoración psicosocial, os cambios continuos nos protocolos e criterios de seguridade e, como colofón final a esta gravísima situación, que a patronal négase a negociar un convenio colectivo digno.
No escrito explícanlle á Valedora que a decisión de convocar unha folga indefinida no sector viu dada tamén, non xa pola falta de vontade para negociar un convenio digno, senón tamén pola inacción da Xunta de Galiza, á que acusan de converter os coidados nun negocio. Xunto a isto acusan ás empresas de xestionar servizos públicos financiados con diñeiro público para obter “enormes beneficios económicos a costa da explotación salvaxe das traballadoras das residencias da terceira idade e da mala calidade do servizo”.
Finalmente, adiantan que van procurar que a folga non afecte ás persoas usuarios, pero témense que as residencias “van impor servizos mínimos abusivos, como en todas as folgas, que serán denunciados, pero o que si pretendemos é visibilizar a situación que ten este sector”.
Apoio do colectivo de persoas xubiladas e pensinistas da CIG
O colectivo de persoas xubiladas da CIG de Vigo amosou publicamente o seu apoio ás reivindicacións do persoal das residencias e anunciou a súa intención de participar na mobilización para trasladar tamén as súas demandas, nomeadamente a posta en marcha dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas que aglutine as actuais residencias, centros de día, servizos de axuda no fogar, e outros, de xeito que todas as galegas/os vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo de xeito autónomo.
Por iso esixen do Goberno da Xunta o aumento nos orzamentos destinados á atención á dependencia e o incremento na dotación de prazas públicas de centros de día e residencias. “Tamén é necesario incorporar o servizo de axuda no fogar nun ente público galego como o que propoñemos, e rematar dunha vez por todas coas miserentas condicións laborais e salariais das mulleres que desempeñan este traballo de coidados cada vez máis necesario”.