O persoal das residencias de maiores privadas mobilizarase por un convenio digno
As asembleas de traballadoras/es das residencias da terceira idade privadas convocadas pola CIG acordaron convocar mobilizacións nas sete comarcas do país para reclamar un convenio colectivo que dignifique as condicións laborais dos cadros de persoal tras a proposta insuficiente da patronal. A primeira das protestas terá lugar este martes día 5 en Pontevedra.
Segundo explican dende a CIG-Servizos, as empregadas/os do sector acumulan unha importante perda de poder adquisitivo (do 7,8%) dende a sinatura do anterior convenio (2020-2023) por parte de CCOO e UGT. Ao que hai que sumarlle o feito de que a suba do SMI aplicada polo Goberno central neste período foi do 24,4%, o que provocou que as categorías máis baixas do convenio non cheguen ao SMI e gran parte delas estean só 10 euros por enriba en 2024. “Os salarios estanse a empobrecer dun xeito brutal, mentres os beneficios das sete principais empresas do sector ascenden a 1664 millóns de euros anuais”, denuncian.
Os salarios empobrécense dun xeito brutal, mentres os beneficios das sete principais empresas do sector ascenden a 1664 millóns de euros anuais
Pois neste contexto a patronal vén de facer unha proposta de convenio que as traballadoras/es consideran insuficiente, xa que lonxe de frear o empobrecemento dos soldos afonda máis nel. “Empeora as condicións económicas do persoal de cara ao futuro e tampouco establece avances suficientes nas condicións sociais”.
Na central sindical censuran que isto esta a acontecer co “silencio cómplice” da Xunta, “á que se lle enche a boca falando do modelo de coidados e residencias mentres perpetúa un sistema de explotación das persoas traballadoras baixo o xugo de transnacionais e fondos de investimento que só miran o seu beneficio económico e aos que nada lles importa nin as persoas traballadoras nin as usuarias”.
En consecuencia, as asembleas de traballadoras/es expresaron “o seu non rotundo” á proposta do empresariado e a vontade de dicirlle “alto e claro” que “non estamos dispostas/os a seguir recollendo migallas e vivindo na miseria” porque “queremos unhas condicións de traballo dignas acordes a un traballo que é esencial para a sociedade”.
Calendario de mobilizacións
-5 de novembro, Pontevedra: diante da residencia DomusVi (rúa Loureiro Crespo, 25) ás 11:30 horas.
-13 de novembro, Lugo: diante de DomusVi en Outeiro de Rei ás 12:00 horas.
-20 de novembro, Ferrol: diante da residencia DomusVi (Avenida de Esteiro 49-51) ás 11:00 horas.
-27 de novembro, Santiago.
-4 de decembro, A Coruña: concentración diante da residencia de Arteixo (xestionada por SIAD 24 Galicia, Cogami e Combina Social).
-11 de decembro, Vigo.
-18 de decembro, Ourense.