O persoal das fundacións sanitarias de Galiza consegue ter o seu primeiro convenio
O pasado venres día 4 de xuño a Mesa Negociadora do Convenio de Fundacións de Investigación Sanitaria acordou o texto definitivo do mesmo e a Acta de fin de negociación. Segundo explica CIG-Saúde están agora á espera de que a consellaría de Sanidade convoque o acto formal para a súa sinatura, previsiblemente o día 21 de xuño.
A CIG-Saúde salienta que foi unha negociación dura con máis de 27 xuntanzas durante 2 anos, na que tiveron que recorrer ao amparo e mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, “mais ao final fomos capaces de conseguir o obxectivo, que era ter o primeiro convenio galego deste sector”.
Na súa parte normativa: de condicións de traballo, permisos, licenzas, conciliación… equipárase aos empregados e empregadas públicas. No referente á estabilidade recolle ademais que as necesidades permanentes de persoal serán cubertas por persoal indefinido e que a fundación traballará no desenvolvemento dun plan de estabilidade. Para iso teranse en conta as directrices que marque a consellaría de Sanidade sobre estabilidade do persoal.
Un convenio no que, ademais, se van respectar as condicións máis beneficiosas que o persoal teña á entrada en vigor do mesmo. “Evidentemente quedan cousas por mellorar, nomeadamente no relativo ao sistema retributivo”, matiza a CIG-Saúde.
Dou anos de vixencia
Despois de vencer todas as resistencias da parte empresarial, aceptaron as últimas táboas retributivas presentadas polos comités de empresa para os anos 2021 e 2022. Dous anos de vixencia que nos conducirán a ter que denunciar o convenio no último trimestre de 2022 para crear unha nova mesa de negociación a principios de 2023.
O obxectivo para 2023 será establecer un sistema retributivo no ámbito do sector público con independencia do modelo de xestión das fundacións porque o resto de condicións quedan consolidadas e só se cambiarán no caso de haber unha modificación normativa de mellora.
A partir de agora cada comité de empresa terá que vixiar polo cumprimento das condicións pactadas. As direccións terán que facilitar toda a información relativa a salarios e clasificación, así como negociar os obxectivos recollidos no propio convenio.
Para o seguimento do cumprimento do convenio creouse unha Comisión de Seguimento e no propio texto recóllese que ante a falta de acordo volveremos ao servizos de mediación do Consello Galego de Relacións Laborais.
O texto do convenio está a revisión lingüística e de linguaxe non sexista e en canto se reciba será difundido entre todos os traballadores e traballadoras.