O persoal das axencias marítimas decidirá en asemblea as próximas accións para esixir un convenio digno
Traballadores e traballadoras das axencias marítimas da Coruña concentráronse por cuarto mércores consecutivo para esixir un convenio que recolla melloras sociais reais e remate cunha década de estacamento nas condicións laborais.
O luns día 28 de xuño, está prevista unha nova reunión da mesa de negociación do convenio colectivo de axencias marítimas e empresas consignatarias da provincia da Coruña; e nesa xornada a CIG tamén vai celebrar unha xuntanza de delegados do sector para analizar a situación da negociación e decidir as próximas accións a desenvolver.
A FGAMT-CIG denuncia que a patronal, CCOO e UGT continúan "co seu teatriño", dilatando a negociación para intentar escudarse en que o ano 2021 está rematando e pretender xustificar así que só se negocie o incremento salarial, sen tocar ningunha mellora social. Unha xogada "que non engana a ninguén", pois xa a empregaron no anterior convenio.
"Esa é a explicación para o feito de que, separándoos tan só un incremento do 1,5% en dous anos, fagan o paripé de dilatar a negociación como se estivesen en posicións radicalmente opostas", subliña Fran Cartelle, secretario confederal de Emprego da CIG.
Recrudecer o conflito
Cómpre lembrar que CCOO e UGT abandonaron a plataforma conxunta acordada coa CIG xa no inicio da negociación, abandonando a unidade sindical aínda tendo na mesa pouco máis da metade da representación. "Este é o respecto democrático que practican. Un acto que evidencia novamente a que intereses serven, que non son precisamente aos do persoal do sector".
Por iso, a CIG adivirte que se a patronal, CCOO e UGT teiman en facer oídos xordos ás demandas dos traballadores e das traballadoras "serán responsábeis da consecuencais que poidan derivar do recrudecemento do conflito e polo tanto das accións que o persoal se verá obrigado a realizar para defender os seus intereses e acadar melloras reais no convenio colectivo".