O persoal das ambulancias evidencia a súa disposición a loitar por un convenio digno na 1ª xornada de folga
Traballadores e traballadoras do transporte sanitario urxente e non urxente de toda Galiza están secundando este xoves a primeira das cinco xornadas de folga convocadas en resposta á falta de avances na negociación colectiva, para reclamar condicións laborais, salariais e sociais dignas así como unha mellora do servizo.
Para dar máis visibilidade a súa loita, o persoal, alén dos piquetes informativos, protagonizou varias mobilizacións nas distintas comarcas, tanto con manifestacións e concentracións nos centros hospitalarios de referencia como polas rúas das cidades. En Cee sumouse á concentración diante do Hospital Virxe da Xunqueira o colectivo de bombeiros/as, en loita tamén por unhas condicións laborais dignas; mentres que en Pontevedra, o persoal en folga das ambulancia coincidiu diante da Deputación coa mobilización do persoal do metal, que hoxe tamén está en folga polo seu convenio.
No resto de áreas, as mobilizacións centráronse nos hospitais de referencia, onde se realizaron concentracións, repartos de follas informativas entre usuarios e usuarias e manifestacións polas inmediacións dos centros.
A xornada de folga está transcorrendo sen incidencias e, a pesar dos abusivos servizos mínimos impostos polo SERGAS, que no 061 son do 100%, o seguimento do paro "é practicamente total entre o persoal que pode exercer o seu dereito a folga".
Para o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, a resposta a esta primeira xornada de paro evidencia a implicación de todas as traballadoras e traballadores polo que instou "a patronal e a Xunta a tomar boa nota" e desbloquear o conflito. Lembra que o paro continuará mañá e se non hai avances a folga repetirase os días 19, 20 e 21 de xullo.
Critica que no tempo transcorrido dende que se anunciaron os paros, a patronal non se puxera en contacto coa representación social para retomar as negociacións, que están estancadas a causa da negativa do empresariado a entrar sequera a valorar as propostas trasladadas polos sindicatos.
Pastoriza lamenta tamén a falta de implicación da Xunta de Galiza tendo en conta que unha parte importante das problemáticas laborais deriva da infradotación dos contratos. Neste senso, volveu rexeitar o tratamento que o Goberno galego lle dá ao sector cando "é parte esencial da sanidade pública". "O transporte sanitario é a primeira liña de actuación na atención a doentes e persoas accidentadas, pero a Xunta considérao como o irmán pobre da sanidade. Contamos coas mesmas ambulancias e persoal que hai dez anos ".
Garantir o poder adquisitivo dos salarios
Sobre as demandas dos e das traballadoras, o representante da CIG explica que a nivel económico as posturas están afastadas por canto a patronal non quere asumir a inclusión dunha cláusulas de revisión que opere ano a ano referenciada ao IPC, como garantía do mantemento do poder adquisitivo dos salarios. A patronal tampouco quere mellorar os permisos retribuídos nin as coberturas por IT alegando que existen uns niveis de absentismo moi elevados.
Precisamente, Pastoriza salienta que debido a infradotación de persoal e ao aumento do número de servizos, nos últimos anos as baixas multiplicáronse, sendo un 90% provocadas por lesións musculo-esqueléticas. Relacionado con esta problemática, na plataforma sindical pídese unha redución da xornada anual de 40 horas que a patronal quere limitar á metade, pretendendo ademais introducir un novo sistema de horas que substitúa as horas presenciais, que foron declaradas ilegais pola xustiza.
En toda Galiza hai entre 1.800 e 2.000 traballadores e traballadoras pero para poder desenvolver este servizo público en condicións adecuadas sería necesario aumentar o número de ambulancias e incrementar o persoal nun 30 ou 40%, "porque nas distintas áreas sanitarias fanse por riba dos 20 servizos, o que supón unha carga de traballo inasumíbel".