O persoal da UCI leva as súas reclamacións ás portas da Consellaría de Sanidade
As e os profesionais da Unidade de Coidados Intensivos de Adultos do hospital Clínico de Santiago (UCI-A) levan once semanas cunha folga indefinida, con mobilizacións semanais, para esixir unhas instalación e o equipamento que garanta a seguridade e calidade nas prestacións sanitarias, tanto para os profesionais como para os enfermos. Con este motivo esta mañá concentráronse diante das dependencias da Consellaría de Sanidade para levar directamente as súas demandas.
Na rolda de prensa que se celebrou xusto antes da concentración, Xosé Manuel Marcote, presidente da Xunta de Persoal e membro do comité de folga, lembrou que a cidadanía non sabe que UCI-A, é a unidade referencia para as persoas enfermas de covid-19, e que as súas e os seus profesionais “deben contar cunha formación específica en unidades de críticos”. Subliñou ademais que no caso do hospital Clínico “a UCI-A é unha sala aberta que dispón tan só de dous cubículos, e o restos das camas só separadas por unhas cortinas, de aí que os profesionais están expostos ao risco de contaxio do coronavirus”.
Por iso denunciou que a Xerencia incumpriu o acordado cos profesionais antes do verán, “de facer unha UCI-A con cubículos”; posibilitar que as e os traballadores non tivesen xornadas de 7 a 10 horas cos equipos de protección individual (EPIs) sen poder descansar; que non houbese mobilizacións do persoal da UCI-A a outras unidades nin a compensación de cómputo de xornada.
Nese sentido considerou que a Xerencia “elude a súa responsabilidade de mellorar a organización da unidade de coidados intensivos para evitar risco para a saúde e posibilitar unha atención personalizada e humanizada para garantir a calidade”. Unha situación que, segundo denunciou, se agravou “co desenvolvemento das funcións de xefe de servizo que leva máis de cinco anos sen que fose obxecto, a día de hoxe, de concurso público, atendendo aos criterios de capacidade, mérito e igualdade que debe rexer en toda empresa pública, e de non ter constancia do plan funcional da unidade de criticos”.
Deficiencias estruturais
Pola súa banda Alfonso Mariño, médico da UCI-A, explicou que a desculpa da Xerencia para acometer a reforma integral demandada “foi que non atoparon empresa para realizar esta obra en 3 meses, máis a realidade é que non existía nin proxecto, nin partida orzamentaria, nin empresas contactadas, nin acordo do Consello da Xunta para realizar estas obras, como aconteceu coa obra do Servizo de Urxencias”.
Ademais sinalou que a Xerencia “vendeu” que no Orzamento 2021 da Dirección Xeral do SERGAS dentro do proxecto 2017 00002, denominado “Fondo de investimentos Sanitarios contemplanse actuacións hospitais de Santiago de Compostela” a remodelación da unidade de coidados intensivos do hospital Clinico por 1.220.000 euros. Unha obra da que “a día de hoxe non existe nada oficial para poder crer a Xerente da Área Sanitaria. E os profesionais da UCI-A despos dun ano de loita de coronavirus non queremos unha remodelación da unidade que supostamente contempla 12 camas das 15 que ten na actualidade, polo tanto esiximos unha UCI-A nova e cunha dotación como mínimo de 15 camas”.
Medidas organizativas e preventivas
Raquel Peña González, enfermeira desta unidade, lembrou que a UCI-A non cumpre coa normativa, por iso na primeira onda da pandemia os enfermos de coronavirus atendéronse na unidade de reanimación que non é a unidade de referencia de enfermos COVID-19, máis conta con cubículos pechados. Porén, denunciou que a partir do verán “non se tomou o servizo de Reanimación como medida preventiva baseada na seguridade, efectividade e eficiencia no desenvolvemento do traballo con enfermos COVID-19”.
Asegurou que a Xerencia “obviou cos profesionais da UCI-A as medidas que contempla o Plan de Prevención fronte o coronavirus da Área Sanitaria e do Ministerio de Sanidade: que contempla limitar o mínimo posible o número de traballadores/as, o tempo de exposición”.
Considerou ademais ncomprensible a actuación da Xerencia, “totalmente irresponsable e contraditoria cos plans de prevención fronte ao COVID-19, movendo aos profesionais da UCI-COVID a UCI-LIMPA, a outros servizos do hospital -mesmo ao persoal que esta de servizos mínimos pola folga- converténdose así ao propio persoal en vector de contaxio”. Unha situación que se complica aínda máis no caso de contaxio das traballadoras ou traballadores “ao non existir profesionais na listaxe de contración con formación específica en coidaos críticos”.
Plan de prevención de riscos centrados no posto de traballo
Os membros do comité de folga denunciaron ademais que a Xerencia tardou máis de 3 meses en facer unha actualización da evaluación de riscos laborais e sen convocar á representación legal do persoal. O Informe resultante recolle que existe un nivel de risco importante, o que indica que: “non debe comenzarse o traballo ata que se reduza o risco. E que se precizan recursos considerables para controlar o risco...”. Porén, a día de hoxe, e a pesar de que o risco por exposición a COVID-19 aparece cualificado como importante, a Xerencia non realizou a planificación preventiva derivada desta avaliación de riscos conforme a normativa vixente.
Condicións de traballo dignas
Xunto a isto, Alberto Rodríguez Lamas, denunciou que en plena terceira onda da pandemia, “as condicións de traballo diario son esperpénticas, xa que se acentúa a falta de material necesario : material funxible (repostos), falta de uniformidade desbotable,...aparellos que non funcionan ou funcionan mal,… duchas e vestiarios insuficientes...”.
Deficiencias ás que engadiu que tampouco non existe un cronograma de formación axeitada para adquirir habilidades profesionais adecuadas para atención ao doente crítico e así prestar unha actividade asistencial de calidade, tanto de riscos laborais como de formación continua.
Riscos laborais
Do mesmo xeito denunciu que, canto a formación en riscos laborais, a Xerencia tampouco garante que cada traballador/a reciba unha formación teórica e practica, suficiente e adecuada, en materia preventiva, tanto no momento da súa contratación, calqueira que sexa a sua modalidade ou a sua duración, como cando se produzan cambios nas funcións que desempeñe ou se introduzan novas técnoloxías ou cambios nos equipos de traballo. Formación que se debe impartir dentro da xornada de traballo.