O persoal da UCI-A do Hospital Clínico denuncia que a Xerencia rompeulles o corazón “co seu maltrato”
O persoal da UCI de Adultos do Hospital Clínico de Santiago, en folga desde hai 13 semanas, volveu concentrarse este luns en demanda de melloras estruturais, medidas preventivas e para que non se lles use como recambio para cubrir ausencias noutras unidades. Hoxe escenificaron co ‘corazóns denuncia’ o desamor da Xerencia, que non atendeu a ningunha das súas demandas.
Transcorreron xa noventa e un días desde que o persoal da UCI de Adultos do Clínico iniciou a folga. Noventa e un días de pulso cunha Xerencia ausente nos que mantiveron as mobilizacións a pesar do seu estado de esgotamento físico e mental; de enfrontarse coa vaga da covid que o trastocou todo; de ter que dobrar quendas ou de ter que renunciar á conciliación da súa vida persoal e familiar para atender as necesidades do servizo.
Noventa e un días demandando medidas preventivas; formación específica para o persoal ou melloras estruturais para non ter que estar 7, 8 ou até 10 horas levando o mesmo EPI posto para non contaxiar, nin contaxiarse e en demanda de cubículos para que as persoas ingresadas na unidade poidan ter cun mínimo de intimidade.
Noventa e un días nos que todo o persoal foi incluído nos servizos mínimos e nos que mesmo foron trasladados a outras unidades para cubrir ausencias de persoal que, por diversas razóns, non podía estar no seu posto de traballo.
Por iso hoxe cada traballador, cada traballadora portaba un corazón no que lucía unha única palabra que resumía o sentir de cada quen diante da actuación da Xerencia. Palabras que retratan unha relación laboral insostible que debería facer reflexionar ao SERGAS sobre as condicións nas que se atopa o seu persoal: medo, angustia, frustración, aversión, burla, nerviosismo, cansazo, humillacións, intranquilidade, desesperanza, antipatía e moitas máis.
Palabras que deberían provocar unha inmediata reacción e que se obrigara á Xerencia a marcar prazos para atender todas e cada unha das demandas de quen hoxe ten sobre os seus ombros todo o peso da emerxencia sanitaria.